"A 27 de febreiro de 1855, con vento fresco e relucindo a neve amontoada nas Portelas víanse nesta terra muitos probes que baixaban por Lajinde e alá por Jebe, todos esfarrapados, sin camisa, o coiro con gafura varolento e de mal cheiro, os ollos afundidos, os òsos nos pelexos, e co as mans levantadas juntos en tropa entrando na ciudade con fraca e triste voz asi decian:
Deitouse a fame ò longo nos sembrados / Enriba dos centeos trigos millos! / Deixou todo los frutos tan mirrados! / Ay nosos fillos! / Perdemos o traballo e a semente / Tolleuna o temporal dentro das leiras! /Mais valera que foran co esa enchente / Aldeas inteiras! / Antes que o pè da negra fame ver / Chegar a porta e ir co a fraca man / Palpando a gente que ja está a morrer / Por non ter pan! / [...]”
Deste xeito -ao pé da letra reproducido- comeza a 3ª foliada de A gaita gallega tocada polo gaiteiro, ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e aínda máis., editada en Pontevedra, da man da imprenta de José e Primitivo Vilas, calle de Isabel II, num. 4, en 1853. O autor desa obra pioneira do rexurdir da literatura foi, como é ben sabido, o avogado e xuiz pontevedrés Juan Manuel Pintos Villar (1911-1976). Pintos retrata o que viu en Pontevedra, mais, desgrazadamente, esa situación non foi, nin moito menos, exclusiva da cidade do Lérez, xa que a fame se instalou en moitos outros lugares de Galicia, froito da mala climatoloxía que arrasou con todo: levou colleitas, matou animais, trouxo a peste...
Foi nese contexto de enorme pobreza cando fixo acto de presenza na desoladora escena un deses “listillos” tan abundantes no noso país cunha “xenial” proposta que lle poría fin a tan inxente desgraza. Este “xenio das finanzas” -naturalmente carente de escrúpulos- foi Urbano Feijóo de Sotomayor (1808-1898), natural de Viana do Bolo, individuo que se movía ben nos círculos do poder, de feito foi deputado en tres ocasións -entre 1854 e 1856, en 1872 e en 1881-1882. Se ben a escravitude aínda non estaba abolida, nesa altura comezara a prohibición da trata e por iso podía ser bo negocio levar galegos necesitados, máxime cando era un dos defensores do principio de que un galego tiña que facer o mesmo traballo que dous negros ao prezo que costaba un escravo. Presentou un proxecto, disfarzado de filantrópico, e a comezos de 1854 comezou a levar galegos para Cuba, en condicións de semiescravitude, que, analfabetos e esfameados como eran, aceptaran asignando un contrato. Descuberto o escandaloso engano, ano e pico despois as cortes ditaminaron a nulidade dos contratos. Con todo, a Feijóo non se lle exixiron responsabilidades nin a reparación das débedas.
Esta triste e noxenta historia -ben estudada, xa hai anos, por María Xosé Rodríguez Galdo e por Ascensión Cambrón, caras colegas e amigas-, xunto con outras que non teñen cabida aquí, veume varias veces á cabeza nestes días de campaña electoral. Que bonitas son as promesas e que feos os incumprimentos. E neste punto quero deixar constancia do cumprimento do actual goberno cos pensionistas. Como xubilado que son, agardo que non cambie, porque da alternativa e das súas promesas non me fío nin o máis mínimo.