Prisioneiros do sistema

Se aceptamos que a economía rexe os designios do mundo, que somos nós dentro do sistema? Pois sinxelamente somos consumidores, elementos imprescindibles para que os que controlan o cotarro poidan sosterse a flote no mundo do mercado. Somos, xa que logo, pezas moi manexables no taboleiro de xadrez, prisioneiros do sistema do que formamos parte e vítimas propiciatorias cando as empresas que venden produtos de primeira necesidade deciden especular con eles. É palpábel o exemplo das enerxéticas, eses oligopolios que mandan sobre a electricidade e os combustibles, e mandan tanto que incluso gobernan sen que os que deberan gobernar de verdade poidan poñeren coto aos desmáns aos que é sometida a cidadanía. É como se estivésemos rexidos pola lei da selva a mercé dos depredadores. Falar de todo isto non é novidade e quizá a algún de vostedes non lles interese insistir neste manido tema, pero a min sérveme de catarses, de desafogo, diante dalgo ao que se lle debera de poñer remedio e non se lle pon.
 

Se sube a electricidade e os combustibles, a vida sube cos produtos básicos ao fronte da lista, e moita xente verá como cousa imposible satisfaceren as súas necesidades vitais, aquelas que incluso garante a nosa Constitución. Os que o pasaban mal pasarán a viviren peor. 
 

O ideal sería que todo ser humano tivese resoltas as súas necesidades vitais, unha utopía que coma todas está nun horizonte que, mentres camiñamos cara a el, vaise distanciando na mesma dirección, o que fai que sexa inalcanzable como toda utopía que se prece, pero non queda outra que camiñar e a ser posible, sen desfalecer.
 

Que terán as empresas enerxéticas que tanto atraen aos políticos, felices eles de entraren nos seus consellos de administración? Ou serán as empresas as que van na procura deles? Seguro que a resposta máis frecuente sería: o diñeiro no primeiro dos casos e no segundo quizá, e digo quizá, a información privilexiada que teñen os que gobernaron un día e que pode ser moi útil ao progreso dos oligopolios. 
 

Falamos con frecuencia dos casos de Aznar e Felipe González, pero dende comezos do século XX houbo cantidade de exministros que entraron nos consellos das empresas, algúns ata de varias ao mesmo tempo; imaxinen os cotobelos nas portas xiratorias.
 

Non sei si funcionaría o control de prezos, libres estes nun sistema de libre mercado no que nos atopamos onde inflúe la lei inexorábel dá oferta e a demanda e onde tamén debera funcionar a competencia, pero os que compiten póñense de acordo no valor da mercadoría impoñendo unha ditadura mercantil. Así as cousas: o desfacedor que isto desfaga, bo desfacedor será. Verémolo?

Prisioneiros do sistema

Te puede interesar