Meus amigos lectores: permitídeme que publique aquí unha carta a Michi, a miña gatiña que me entende e indo un pouco máis aló, me comprende.
Querida Michi:
Sei, non o dubido, que estás contenta porque o pasado xoves en Ferrol e o venres en Mugardos fixemos público o epistolario que che escribín en tempos convulsos como foron os da covid-19 cando estabamos nesa prisión preventiva por mor da brutal pandemia.
Arestora as miñas amigas e amigos saberán o que che contaba, o que che preguntaba sabendo que non ía recibir resposta Ti con pandemia ou sen ela, estás sempre en prisión preventiva, afastada do que sería o teu entorno natural. Non me gusta dicir que es a miña mascota a non ser que esta acepción tivese que ver co concepto de talismán porque en certo modo es un encanto para nós.
As preguntas que che facía nas cartas quedaron sen resposta por aqueles que deberan contestalas, e isto non me sorprende porque entra de cheo na realidade na que nos desenvolvemos. Somos en puridade fichas menores no taboleiro de xadrez no que xogan a partida os de sempre, apenas somos nada para eles. Porque che digo unha cousa, Michi: o das comisións na venda das máscaras é vacinas é “pecata minuta” respecto ao que houbo en realidade e que é moi probable que non saibamos nunca.
Cando che preguntaba por estas cousas sabía que no tería resposta, así que trataba de atopalas eu mesmo. Todo aquel tristeiro episodio da pandemia foi coma un pesadelo do que aínda nos custa saír, un despertar a unha nova realidade na que nos estamos movendo. Saberemos algún día con certeza como e de que xeito se propiciou ese autentico desastre? Arestora están saído á luz cousas graves das que os supostos responsables non din nin pío, mortos que non deberon morrer se tivesen os coidados axeitados, xente maior coa que non se tivo ningunha consideración, como se os maiores estorbáramos.
Será certo o que quería dicir Calderón de la Barca con aquilo de que toda a vida é soño referíndose a que a existencia humana non e máis que un engano e que a liberdade para configurar o noso destino no está nas nosas mans? Será que outros nos están a utilizar para logo tirarnos ao contedor do lixo como se fósemos xoguetes rotos? Quizais sexan preguntas que quedarán sen resposta, Michi, como as que che facía nas miñas cartas. Bob Dylan dicía nunha das súas míticas cancións que as respostas a moitas cousas están voando no vento e mira por onde, querida Michi, o mesmo pode que tivese razón.