Pelé nos meus recordos

Hai uns días estiven na Casa das Palmeiras, da Neda dos meus ancestros do Barro, na presentación d’O lugar onde vou, de Vicente Araguas, libro de relatos recomendable para ler en todo tempo e lugar. Falando entre vellos amigos o autor do libro facía referencia aos obituarios -que son uns cantos, si- que publiquei nas páxinas deste noso Diario. Non moitas horas despois morría Edson Arantes do Nascimento, o colosal Pelé, e, como non, aquí me teñen escribindo unha lembranza del, a modo de obituario.
 

Non recordo con nitidez cando tiven noticia da existencia dun as da bóla chamado Pelé, mais entendo que debeu ser cando comezou a destacar e a aparecer o seu nome nos medios de comunicación de todo o mundo. Como na miña casa sempre estiveron subscritos a un xornal recordo ler a prensa diariamente desde ben cativo –véxome aprendendo a ler nas súas páxinas coa miña avoa Fortuna– tivo que ser aí, ou na radio, que tamén se escoitaba na casa de cotío, onde se tivo que producir ese meu coñecemento; probablemente ao redor da conquista do primeiro mundial gañado pola selección brasileira: Suecia, 1958. Un campión do mundo de fútbol, destacando e goleando aos 17 anos, non se ve todos os días. Era singular noticia. O que si lembro ben foi a súa presenza no estadio de Riazor no Teresa Herrera do ano seguinte, que enfrontou o Santos co Botafogo. Nada menos que 7 gañadores do mundial sueco, 4 no Botafogo (Garrincha, Didi, Zagallo e Nilton Santos) e  no Santos (Zito, Pepe e Pelé). Eu devecía por ver aquel partido e insistín na casa para que me levasen, o que, finalmente, non puido ser. Era un lío. Gañara o Santos 4-1, cun magnífico gol de Pelé, segundo dixo a prensa. O mundial de Chile 62, que tamén gañaron os brasileiros, aínda non o puidemos ver por televisión. Ademais, Pelé lesionouse e pouco xogou. No de Inglaterra 66 non lle foi nada ben nin á selección do Brasil nin ao propio Pelé. Quedaron eliminados na fase de grupos. Outro cantar foi México 70, que vin na súa integridade en Santiago, no bar Metro da Rúa Nova e a final, en tele dunha pouco nítida cor, no café Miami. Moito gocei con Brasil e con Pelé. Aquela selección era moito equipo e Pelé estaba en plena forma física e mental. Vímoslle facer de todo, diso que non se vía noutros ámbitos futbolísticos. A xogada contra Uruguai e que despista ao porteiro índose por un lado e deixando correr a pelota polo outro para logo recuperala para tirar a gol deixoume flipado. Malia que marchase fóra por centímetros. Tería sido o gol da historia. Téñoa visto na miña cabeza moitas veces e anos despois na internet outras tantas. Xenialidade absoluta.
 

Anos despois, en 1988, nun bo restaurante neoiorquino, propiedade dun celanovés, coñecín, casualmente, o vigués Santiago Formoso. Comezamos a falar e saiu  a relucir, como non, o fútbol e tamén Pelé, con quen coincidira, escaso tempo, no Cosmos, xa que Pelé marchaba cando el chegaba. Con quen si xogou máis tempo nese club mesmo foi con outros grandes xogadores como Beckenbauer ou Carlos Alberto, capitán do Brasil que gañara o campionato do 70. Tamén xogara con Cruyff  en Los Angeles Aztecs, algo máis tarde. Inesquecible conversa, inevitablemente con Pelé presente.

Pelé nos meus recordos

Te puede interesar