Outro silencio

A pasada semana referíame ao silencio xeneralizado dos xogadores e das asociacións de xogadores de fútbol a propósito da sentencia da sección terceira da Audiencia Provincial de Almería condenando a catro anos de prisón ao xogador do Celta Santi Mina polo delicto de abuso sexual.


Se ese silencio, ao meu entender, resultaba chamativo este do que hoxe me fago eco aínda me semella moito máis.


Un dos temas que nas últimas semanas tivo bastante presenza nos medios informativos de todo tipo foi o da presunta estafa ao Concello de Madrid por parte dos señores Alberto Luceño e Luís Medina coa venda, en momentos críticos da pandemia, de máscaras sanitarias, luvas e test de covid importados, cando esses e outros produtos escaseaban por mor da especulación. A operación levou aparellado o cobro de millonarias comisións por parte dos citados individuos.


En relación co tema, chamou moito a atención a resposta dada polo señor Núñez Feijoo, flamante presidente electo do Partido Popular, nunha entrevista concedida á Ser:

“Ha habido pillos durante la pandemia. ¿Por qué? Porque no teníamos material y al no haberlo, pues hay intermediarios para conseguirlo” A verdade é que polo que nese momento xa se coñecía do asunto a utilización do adxectivo “pillos” semellaba excesivamente benevolente. Á xornalista Ángeles Caballero pareceulle un insulto á xente a quen lle morreu algún ser querido a causa do coronavirus. “El pillo es el que hace chiquillerías, ellos son jetas sin escrúpulos”, manifestou. A presunta utilización, por parte de Luceño, da expresión “Pa la saca”, nun email enviado a Medina para lle comunicar que a operación co concello saíra ben, parece apuntar a esa citada carencia de escrúpulos.


Desde logo que a estafa agravada, o branqueo de capitais ou a posible falsidade documental que lles imputa o xuíz non cadran moi ben cunha simple pillería. Semellan ser algo bastante máis grave que unha cousa de pillos.


A maior parte das informacións relacionadas co caso reférense aos encausados Luceño e Medina como empresarios. Tamén comisionistas, ocasionalmente. Se por empresario ou empresaria entendemos que se trata dunha persoa que posúe ou dirixe algunha empresa; alguén que é titular propietario ou propietaria ou directiva dunha industria, negocio ou empresa; unha persoa que por concesión ou por contrata executa unha obra ou explota un servizo público ou algunha outra definición similar das que podemos atopar nos dicionarios ao uso, Alberto Luceño e Luís Medina, no momento dos tratos co Concello de Madrid, ou con anterioridade a eles, poderían ter acollida nalgunhas desas referencias. Habería, pois, que consideralos empresarios. Empresarios que non deixan aló moi ben o nome do colectivo, malia que, sabido é, en todas as partes cozan fabas e que na maioría dos colectivos haxa garavanzos negros.


É por iso que me sorprende non ter escoitado voces, nin de asociacións empresariais nin de empresarios a título individual, denunciando e desmarcándose do comportamento presuntamente delitivo desas persoas.

Outro silencio

Te puede interesar