A outra muralla

As obras en Irmandiños, que están reformando a entrada do acceso principal dos vehículos ao recinto militar, acaban de deixar ao descuberto unha parte da muralla orixinal do século dezaoito. Todo indica que Defensa vai na liña de restaurar a muralla e integrala na nova reurbanización que se está a acometer. Iso é facer o correcto. 


En setembro fará dous anos que o actual equipo de goberno de Ferrol decidiu o tapado expeditivo daquel tramo correspondente á antiga muralla medieval, a carón da Praza Vella. Nin a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia foi quen de dicir algo. Desde a Concellaría de Urbanismo deixaban, para un futuro indeterminado, a posibilidade de facer algún tipo de intervención que puxera en valor este ben cultural, mais, a data de hoxe, ningunha autoridade local ou autonómica ten presentado plan de recuperación da vella muralla medieval de Ferrol. 


Todo indica que se aposta polo esquecemento? Non hai capacidade de xestión, nin un proxecto que permita recuperala ordenando a vida cotiá? Tan difícil é? Nada teñen que dicir desde Patrimonio Histórico? Non cren que sería un valor máis, na aposta a prol da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial ante a Unesco? 

A outra muralla

Te puede interesar