Orgullo de cidade

O amigo Pepe Fandiño presentaba, este venres pasado, o novo libro do prezado Henrique Dacosta: “O estraño caso da bicicleta amarela” (Belagua, 2022), facendo unha reivindicación do orgullo que debemos ter dunha cidade tan dinámica como Ferrol. Ten razón Fandiño e xa saben que eu son de amores pasionais. Por iso entendo tanto as súas  palabras e, por suposto, a nosa cidade como ese espazo tan vital e literario dun autor tan ferrolán, tan universal, como Dacosta.


Para quen subscribe estas letras de cambio, Ferrol segue a ser o espazo de liberdade, de construción constante da propia identidade, da realidade cotiá, pero de igual xeito da cidade soñada. Sabemos que hai quen di que en Ferrol todo está mal, porque así cren non ter a obriga de arrimar o ombro. Mais, aquí facemos barcos. Tan bos, que algúns son barquiños de papel capaces de levar a ilusión da cidade por ser patrimonio mundial da Unesco.


Ferrol está cambiando porque o Mundo comeza sempre a ser mudado desde aquí. Se teñen dúbidas escoiten as voces nas nosas rúas, teñen todos os acentos, todos os idiomas están xa entre nós. Se teñen dúbidas pregúntenlles aos nosos escritores como se constrúen os relatos que abren as portas da vida. 

Orgullo de cidade

Te puede interesar