Onde imos chegar?

Síntome ledo de poder incorporarme á cita dominical que manteño perante tanto tempo cos lectores deste diario e na que me desafogo un  pouco das miñas cuitas e preocupacións. E unha cousa á que lle din voltas estes días foi a visita do señor Milei á Madrid na que coa súa proverbial incontinencia verbal non deixou monicreque con cabeza  dedicándose de novo a insultar ao presidente do Goberno de España sen que a súa anfitrioa, a señora Ayuso, se inmutase o máis mínimo. Milei non debera ser o noso problema, as dificultades co personaxe  a terá sen dúbida a cidadanía arxentina  que xa comeza a se decatar de que pé coxea o seu presidente e comproba como coa súa motoserra pretende podar de raíz os dereitos máis elementais do pobo arxentino. Con tanto traballo que debe ter aló, non sei como se lle ocorre meterse no noso xardín, claro que sempre atopará quen lle ría as súas ocorrencias e por riba de todo o agasalle cunha medalla. É como o mundo ao revés. O deste home é unha falta total de cortesía e se me apuran un pouco máis, de educación. Malia insultar ven dar leccións de economía. De que economía? Da súa, claro, desa  da que di que se a leran e entenderan os socialistas non serían socialistas, desa economía que consiste en que un se faga inmensamente rico a conta dos  demais, subirse ao iate da opulencia mentres os que están no labor como instrumentos desa praxe fan contas na casa para ver se poden chegaren a fin de mes. Esa é a economía que lle interesa ao señor Milei e que non chegaron a entenderen os socialistas aos que pretende ilustrar dende a súa mesiánica cátedra. A onde imos chegar?  Non, é que xa chegamos, chegamos ao cumio do despropósito, ao paroxismo da estulticia. Alguén non entendeu que o presidente da Arxentina non pode ir “de privado” por aí co seu retrógrado discurso  porque sempre, diante de calquera circunstancia, será o presidente de Arxentina para ben ou para mal.  


Ver a ese home batendo os brazos dende o balcón coma se fose un pito desesperado que intenta remontar o voo e berrando “viva a libertad carajo!” resulta esperpéntico mire como se mire. Si, tal como andan as cousas, xa chegamos ao mundo ao revés e non vai ser doado poñelo do dereito. Din, rizando o rizo, que o da medalla a Milei tivo que ver logo co acordo para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. Pode que sexa moito elucubrar, pero ande con coidado o señor Feijóo coa señora Ayuso,  non vaia ser que lle pase o mesmo que a Pablo Casado. E mentres todo isto pasa, don Felipe González non perde tempo para enxalzar sen recato a outra ultra: Giorgia Meloni. Hai quen dea máis?

Onde imos chegar?

Te puede interesar