Xa é sabido que cando hai eleccións á vista, os concellos apuran as obras pendentes, canto máis grandes mellor, co gallo de empregar os orzamentos que non se gastaron ao longo do mandato. Ferrol non é a excepción, senón que agora pódense ver obras acó e acolá. Unha delas é a que está a ser nomeada como “bulevar”, palabra que, se ben está recollida tanto no diccionario español como no galego, figura como de orixe francés e cun significado igual aos españois e galegos: avenida, alameda, rúa ou paseo. Xa que logo, non parece axeitado recorrer a un “galicismo” para definir ese espazo que vai ser a nova entrada á nosa cidade, a non ser que se queira “deslumbrar” aos visitantes, cun vocábulo foráneo. Coido que “avenida” sería bastante máis correcto e axeitado; véxase a Avenida de Esteiro que, para unha cidade como a nosa, está bastante ben, sen maiores pretensións. O importante non é o nome, senón que iso se corresponda coa realidade, non como o caso da “Avenida de Vigo”, que máis parece unha corredoira; se eu fose Alcalde de Vigo, poñeríalle un preito ao concello ferrolán, por descrédito para a cidade viguesa. Será mellor que el non o saiba, porque nunca se sabe …
Falando de obras e da súa denominación, lembro que é a segunda vez que se intenta “afrancesar” algunha obra, porque xa no tema da derruba de Recimil, íase facer un “bulevar” atravesando o arrasado barrio. Semella que houbese un andazo “napoleónico” no noso concello. Claro que daquela o tema tiña o seu aquel, porque os promotores da idea, ían pillar a súa “boa-parte”. Por sorte aquilo non prosperou, mais o interese de poñer en ridículo a todos os ferroláns parece que está aí. Pois se diso se trata, postos a facer o ridículo, fagámolo completo, e chamemos á futura estrada, “Bulevar de los Capuchinos”, que aquí sería “de los capuchones”. E como non está ben criticar sen dar ideas, eu propoño chamar ao novo acceso,”Avenida de Serantes”, porque coido que sería un xeito elegante de devolver ao antigo Concello de Serantes o que foi seu, pois ata aí chegaban os seus límites. E suxiro poñer un cartel no comezo dicindo: “Esforzados camiñantes, seguide ao longo desta vía e atravesando Ferrol chegaredes a Serantes. Estaría ben, verdade? Claro que, quen son eu para dar ideas?