Para que nos teman e respecten

Todo comezou coa insurrección liberal dun batallón de paso por Lugo o 2 de abril de 1846, e axiña sumáronse tropas de Compostela, Pontevedra, Vigo e Tui, mais ningunha cidade do Estado español. O levantamento adquiriu un carácter provincialista (pre-nacionalista), xa que cuestionaba o goberno conservador de Narváez e pedía recobrar a unidade territorial da Galiza, eliminada coa eliminación do Reino galego no ano 1833. O periódico Revolución da Xunta Superior de Galiza afirmaba en 1846: “galegos, contando co voso apoio lograrase que a nosa provincia [que definía como unha colonia da Corte] sexa temida e respectada”.


O 15 de abril constituíase en Compostela a Xunta Superior de Galiza, da que eran nomeados presidente Pío Rodríguez Terrazo, e secretario Antolín Faraldo. As forzas rebeldes sumaban uns 5.000 homes, polo que eran equivalentes ás que permaneceron fieis ao Goberno. Tratábase dunha forza moi heteroxénea xa que estaba composto por militares, garda civís, carabineiros, milicias “nacionais”, licenciados e dúas compañías de literatos, e outros civís.


Decididos a tomar o resto das cidades galegas, os insurrectos comandados por Miguel Solís crean dúas columnas, unha ao seu mando que se dirixe á Coruña e ao Ferrol, e outra comandada por Rubín de Celis para ocupar Ourense. En ambos os casos dominou a falta de iniciativa e evitar a confrontación. Para alén dalgunha escaramuza en Sigüeiro, Ourense e perto de Ferrol, non se conseguiron os obxectivos marcados, dando tempo a que chegasen as forzas de Narváez dirixidas polo xeneral Concha para esmagar os rebeldes.


Os efectivos de Concha eran superiores en número e sobre todo en cabalaría. Despois das primeiras escaramuzas en Cacheiras os insurrectos víronse forzados a recuar a Compostela onde a loita sería corpo a corpo. Na cidade Concha contou co dobre de forzas que os rebeldes para a batalla. O mosteiro de San Martiño Pinario converteuse no último reduto duns 2.000 rebeldes que resistiron até que se lles remataron as municións. A maior parte rendéronse, outros fuxiron ás montañas.


Un total de 56 xefes e oficiais foron xulgados por un Tribunal Militar no traxecto á Coruña, carecendo de defensa. Solís e 10 capitáns foron fusilados o 26 de abril en Carral, e un sarxento días despois en Betanzos. Hoxe hai na primeira un monumento que lembra esta xesta heroica. Mil trescentos condenados serían enviados aos presidios de Ceuta e ultramar, e centos de rebeldes fuxiron a Portugal, entre eles Antolín Faraldo. Unha revolta contra a colonización.

Para que nos teman e respecten

Te puede interesar