Noite de gozo e recordos

Como teño dito en innúmeras ocasións –aseguraría que tamén algunha nesta sección– non son en absoluto nostálxico. O pasado xa foi e, poñámonos como nos poñamos, non vai volver. Xa que logo, para que anhelalo?


Como sabemos, nostalxia é un nome formado por dous termos tomados do grego clásico: nóstos “regreso” –pensemos no Nóstos -título da terceira parte, a da volta a casa de Leopold Bloom- do Ulysses de Joyce–, e algía “dor” –velaí neuralxia, lumbalxia... dores en zonas do sistema nervioso, na zona lumbar...–, que, en tempos modernos –finais do século XVII–, foi creado no ámbito da medicina para se referir ao anhelo psicolóxico do pasado.


Nunca tal cousa me pasou de sentir algo así. O pasado está aí e del gardo moitos, e nítidos, recordos, porque, por sorte ou por desgraza –que ás veces tería sido mellor ter esquecido–, teño moi boa memoria.


O luns pasado actuaron na coruñesa praza de María Pita dous grupos cataláns que teño escoitado moito, especialmente o primeiro, que me cadrou na adolescencia: Los Sirex e Los Rebeldes. Alí estiven, movendo un pouco o esqueleto e cantando polo baixo –que a miña única corda non dá para máis– un lote de cancións dos Sirex, desas que aprendes nos anos mozos e non esqueces, principalmente as que gravaron en Eps que meu irmá Santi e máis eu comprabamos, cos cartos que nos daban para facelo. Que nesa altura Los Sirex estaban no topo, como ben di o feito de teren sido os teloneiros dos Beatles na actuación destes na Monumental de Barcelona o 3 de xullo de 1965.


Aínda que o grupo se fundara en 1959 en Barcelona e que axiña fora collendo sona na capital catalana e a contorna non conseguiu gravar ata finais de 1963, cando, ficharon polo selo Vergara, e, pouco despxois, xa no 64, viu a luz o seu primeiro EP, con “Muchacha bonita”, como tema estelar, acompañado de tres éxitos foráneos: “Da Doo Ron Ron” -que popularizaran universalmente as estadounidenses The Crystals-, “Si de mi te alejas = Se Mi Vuoi Lasciare” -do  solista italiano Michele- e “Twist amor = Twist And Shout”, lanzada por The Top Notes e e grande éxito dos Beatles.


Recordo a Lalinche (Díaz del Río Albarrán), de perna apoiada nun dos bancos de pedra daquela linda praza de España, aberta ao tráfico e á xente, coa guitarra pousada nela, cantando o “Da doo ron ron”, mais non coa letra de Los Sirex senón coa de Los Pekenikes con Juan Pardo de vocalista: “Son solo palabras pero suenan bien / Da doo ron ron ron / Da doo ron ron/ Prueba a repetirlas como lo hago yo / Da doo ron ron ron / Da doo ron ron”. Xa choveu. Van aló por volta de 60 anos. Nunca tivemos ese disco, mais si o que contén “La escoba”, “¡Qué haces aquí!”, “El tren de la costa” e “Cantemos” (1965), do que venderon moitos máis miles de discos dos que o máis optimista pensaba, dado o impacto que produciu “La escoba”. E tamén estes dous EPs: “Que se mueran los feos”, “Has de ser mi mujer”, “Culpable e “El Tranvía” (1965) -do que o primeiro tema tamén foi moi exitoso- e “Olvídame”, “Solo en la playa”, “Yo grito” e “Reprise”, todos temas propios que tiveron moita menos repercusión.


Leslie, o anxoveta, nado Antoni Miguel Cerveró, que vén de cumprir 81 anos, agás o cabelo, conserva relativamente ben a voz e os movimentos no escenario que o caracterizaron nos anos de éxito. Os músicos cumprindo co dito de que o que tivo retivo.Magnífica noitiña, completada coa moi boa actuación de Los Rebeldes, que me quedan máis de lado.

Noite de gozo e recordos

Te puede interesar