No coñecemento e no traballo

Francisco de Quevedo, como saben moitos e moitas de vostedes, tiña unha enorme preocupación pola xustiza. Naceu a finais do século XVI, foi un home ilustrado, un poeta extraordinario, universitario, escritor de novelas, de teatro, de filosofía e de pensamento político, “onde hai pouca xustiza é un perigo ter razón”, dicía. Exactamente igual que hoxe, igual que lles pasa aos paisanos do noso pobo, que andan (andamos) sedentos de xustiza e na permanente procura do exercicio da equidade.


Dise que é equitativo quen dá a cadaquén o que lle pertence, “quen xulga ou trata aos demais de acordo cos seus méritos ou deméritos”, con respecto á liberdade e conciliándoa coa xustiza. E quen paga a xustiza? Entre todos, a través dos impostos, a cidadanía que non defrauda, paga a tódolos integrantes da estrutura deseñada e en activo para ser eficaz, achegada ou próxima.


Xulgados de Paz, xulgados de Primeira Instancia e Instrución, do Mercantil, de Violencia sobre a Muller, do Penal, do Contencioso-Administrativo, do Social, de Menores e de Vixilancia Penitenciaria, Audiencias Provinciais, Tribunais Superiores de Xustiza, Audiencia Nacional e Tribunal Supremo, todos eles encárganse do exercicio da potestade xurisdicional. Aí están xuíces, letrados xudiciais, técnicos de Xestión, persoal funcionario ou contratado de tramitación e persoal de Auxilio. Aí están traballando.


Moitas das localidades de cada unha das provincias galegas son zonas próximas  ou sede da xudicatura, cun ou con varios xulgados para amañar a desfeita, para conducir a orde, para que os cidadán saiban que hai un poder público que defende os seus intereses. Uns sábeno, outros non e hai quen, con sentenza ou sen ela, morre afogado nun mar de dúbidas, tan grande como o mar nunca visto.  De quen será a culpa dos litixios permanentes, da xustiza borrosa, do pano negro que tapa os ollos da xente de ben? De quen será a culpa das desigualdades de trato e das distintas miradas maliciosas? De quen será? Efectivamente, a Tía Manuela dio alto e claro, “a xustiza ten un prezo elevado, é cara, moi cara, pero aínda é  máis cara a inxustiza”. Un remedio para aforrar neste capítulo dos orzamentos, pódese atopar na educación, na formación, na escola, na universidade, no coñecemento e no traballo.

 

No coñecemento e no traballo

Te puede interesar