No centenario de María Casares

Para Iago, meu neto maior, nos seus días

 

Mañá luns, 21 de novembro, cumpriranse 100 anos do nacemento, na Coruña, na casa familiar da rúa Panaderas –hoxe propiedade do Concello coruñés–, de María Casares, unha das grandes actrices que deu este noso país, que non puido gozar dela como si fixo o público francés. E pasado mañá mércores, casualidades de vida, será o día do seu cabodano, pois, ao día seguinte de facer 74 anos, faleceu en La Vergne, a casa que, a comezos dos anos 60, mercara, xunto co actor André Schlesser –daquela amigo e máis tarde marido– na pequena vila francesa de Alloue. Esta casona, onde escribiu a autobiografía Residente Privilexiada, e cedeulla, testamentariamente, á localidade, que a converteu en “La Maison du comédien - Maria Casarès”.
 

A celebración da efeméride non pasou, en absoluto, desapercibida para o IES do Concello de Oleiros -sito en Liáns-Bastiagueiro, perto das casas de Montrove onde a familia residía nos veráns da súa infancia e da praia á que adoitaba ir, segundo deixou escrito nas memorias- que leva o seu nome. Así, o centro educativo, coa colaboración do Concello, organizou unha variada e moi atractiva Semana Cultural, que se iniciou co espectáculo teatral Continente María –excelente, segundo me comentaron, polo que agardo poder ter oportunidade de velo–, que continuou cun par de programas de radio, charlas a cargo de Arancha Estévez, Xián Lois Alcayde e Xosé Alfeirán e a inauguración do excelente mural realizado nunha parede do patio do recinto educativo por Ana López Gullón, profesora de Plástica no mesmo, e finalizou, no Centro Cultural A Fábrica, coa conferencia “Espectador privilexiado”, ditada por Lluís Pasqual, e a proxección do excelente filme de Jean Cocteau Orfeo (1950).
 

Un inmellorable peche, sen dúbida. Como espectador satisfeito e agradecido, non me queda outra que a de dar todos os parabéns, e máis que houbese, aos organizadores por nos ter brindado a posibilidade de escoitar unha charla tan fermosa ao redor dunha figura tan relevante do amplo mundo da interpretación. A priori non deberíamos agardar outra cousa dunha das grandes personalidades do teatro español ao longo de varias décadas. 
 

Porque non podemos esquecer que Lluís Pasqual, no xa afastado 1976, fundou e dirixiu, en Barcelona, o Teatre Lliure; que máis tarde, xa nos oitenta, dirixiu o Centro Dramático Nacional; que tamén dirixiu o Odéon-Théâtre de L’Europe, en París, ou a sección de teatro da Bienale di Venezia ou foi Director artístico do Teatro Arriaga, de Bilbao, ata que, nos últimos anos, volveu dirixir o Teatre Lliure ou que tamén estivo á fronte do teatro do Soho, botado a andar por Antonio Banderas na súa Málaga natal.
 

Mais, é evidente que o movemento se demostra andando, como foi o caso. O prodixio de ensinar deleitando.

No centenario de María Casares

Te puede interesar