No cabodano de Sergio Vences: colega, camarada e amigo

aberá por volta de 35 anos que me tocou vivir un episodio singular na miña vida académica. Tocoume formar parte dunha comisión encargada de seleccionar un profesor contratado de Literatura Española da Universidade de Santiago, área á que eu non pertencía. Tiña claro que podía, e mesmo debía, opinar sobre a idoneidade dos currículos dos candidatos, mais tamén entendía que as persoas máis capacitadas para facelo eran as da área da materia obxecto de concurso. Lembro que no nutrido grupo de solicitantes destacaban dous recén licenciados con excelsos expedientes á par dun doutor en Filosofía, que andaba polos 50 anos e que fora lector de español nun par de universidades alemás, a quen ninguén da comisión coñecía. Axustándose ao baremo adxudicóuselle a praza. Mais, a petición do departamento ao que esta estaba adscrita, un par de membros da comisión comprometéronse a falar co adxudicatorio e explicarlle o  proceso. Este, fronte ao que cabería agardar, entendeu perfectamente a situación e decidiu renunciar.


Esa persoa chamábase Sergio Vences Fernández. O seu nome quedoume gravado. Non era nin é habitual atopar xentes con ese nivel de dignidade. Algún tempo despois gañou unha praza de profesor de Filosofía e tiven a sorte de poder coñecelo persoalmente e de gozar dunha fonda amizade con el. A fin de contas, nesa grande orquestra que pode ser a sociedade, tocabamos unha música máis que parecida.


Pasado mañá martes, día 20, haberá dez anos do seu triste pasamento. O cancro, sempre traidor, arrebatóunolo cando levaba xa seis anos desfrutando da máis que merecida xubilación de catedrático da Universidade coruñesa, ao carón da súa benamada -teño a certeza- Carmela Sánchez, tamén profesora da nosa institución académica.


Era un ser extraordinario. Deses que son tan escasos, que quen chega a coñecelos e tratalos non pode máis que dar infinitas grazas á vida por llelos ter posto diante. Profesor moi comprometido co seu alumnado. Sempre disposto a axudalo no que fixese falta, a facilitarlle todo aquilo que precisase e estivese nas súas mans. Coas alumnas e os alumnos organizou diferentes actividades que tiveron eco máis aló dos recintos universitarios. Lembro, especialmente, a representación, nun ateigado teatro Rosalía, da súa peza Platón suspende la selectividad (1994).


Cómpre lembrar que Sergio escribía moi ben. Facíame desfrutar moito a lectura das súas habituais colaboracións en La Opinión. Tiña un español excelente.


Como a vida o afastara, sendo un cativiño, do natal Vilariño de Lama Má (Baños de Molgas) e de Galicia -non retornaría ata os 47 anos-, Sergio non dominaba a escrita en galego. Tiña un moi bo galego oral, o característico da súa zona, o aprendido de neno, mais o seu nivel na escrita non pasaba, como máximo, de andar por casa. Mais amaba o idioma. Proba evidente foi a de pagar unha tradutora para editar Nas profundas augas do esquecemento, unha, para min, excelente novela que non tivo o eco que merece. Aventuro que tería tido moitísima máis repercusión de tela publicado no español en que a escribira.


Estoume vendo hai dez anos, fondamente apenado, acompañando a Carmela no acto de incineración, ao carón de Alfonso, un avogado coruñés, Xesús Alonso Montero, Luciano Rodríguez e Juan Couceiro Bueno, as persoas que, como deixou dito, quería que estivesen alí. O fillo, destacado biólogo alemán, andaba moi lonxe para poder vir.

No cabodano de Sergio Vences: colega, camarada e amigo

Te puede interesar