Naceu unha estrela

Pois así parece: un rapaz de 19 anos que xoga ao tenis e entusiasma á xente que goza do deporte más alá do fútbol e ao que os medios de comunicación, a partires de agora, dedicarán moito tempo e páxinas. É o que ten ascender do posto 120º ao 6º do mundo en menos dun ano, ao Olympo dos tenistas , unha fazaña reservada para uns poucos elixidos. Todo isto lévanos a pensar na outra icona do tenis mundial, Rafael Nadal, e moitos comezan a dicir que xa está aquí o sucesor, o relevo. Quizás sexa pronto para faceren comparacións, inevitables por outra parte. Ademais non sería recomendable que Carlos Almagro puxera o seu afán en andar tralas pegadas de Rafa Nadal e si pensar que aínda lle queda moito por percorrer, vitorias que celebrar e derrotas que asimilar. A longa e brillante traxectoria de Nadal será difícil de superar pero é indubidable que os comezos de ambos os dous son coincidentes.


Non vin os partidos previos á final do torneo de Madrid porque diante dun día radiante de sol cústame bastante sentarme fronte ao televisor e dedicarlle unhas horas ao tenis malia ser as eliminatorias previas o suficientemente atractivas coma para non pestanexar diante da pantalla. Vin, iso si, a final enteira agradecendo a “Carlitos” que nunha hora rematara co xigante alemán, unha hora que sorprendentemente se me foi voando vendo como pasaba coma un vendaval sobre o nº 2 do mundo sen que Zverev puidese reaccionar diante do que se lle viña enriba. E aparentemente o Carlos Almagro fíxoo sen apenas despeitearse, dando a sensación dun dominio absoluto dende o primeiro golpe de raqueta ata o derradeiro, diante de doce mil espectadores totalmente entregados a este rapaz de Murcia, do Palmar concretamente, convertido xa nun ídolo de masas.


Pero reitero, non convén comezar a comparalo con Rafa Nadal e si deixar que este rapaz, este novo fenómeno do tenis, sega a crecer sen a presión constante de sentirse confrontado polos logros dun tenista inigualable como é o Rafa.


¿Naceu unha estrela? Pode que si, unha estrela que brillará no firmamento deste deporte no que aínda prevalece o “fair play”, que non xera “hooligans” que se insultan e se pelexan como sucede noutros deportes.


Unha supernova coma esta que remata de nacer é un compendio de adestramento físico e mental. Pouco fará estar en moi boa forma física se non hai un axeitado equilibrio mental. Veremos como transcorre o devir deportivo de Carlos Almagro: bo sería que cos pes no chan.

Naceu unha estrela

Te puede interesar