A morte do cadelo

Morreu o seu can, Xambrailo, e aínda anda coa dor no peito, nos ollos mollados, no corazón e na alma. A súa alma é tan grande que o ocupa todo, o que se ve e o que está detrás do que se ve, o de arriba e o de abaixo. El di, con toda a súa sabedoría no falar e con grande elocuencia, que a alma de Xambrailo era máis grande que a del mesmo. Meu Deus! Como sería?


O veterinario explicábao con poucas palabras: “Morreu e non hai nada que facer, todas as súas funcións biolóxicas están paradas de forma irreversible”. El estaba acentuando a atención na ausencia das actividades cardíacas e respiratorias. Tiña seguridade total de que aquel cadelo morrera. E así era. Foise como un paxariño.


Na parroquia, ninguén fixo caso. A veciñanza miraba, relía e atendía á filosofía, unha parte era daquelas correntes que interpretaban a morte como aquel feito que dá sentido á vida; outra non, máis materialista, interpretaba a morte como final absoluto da existencia.


Epicuro de Samos, filósofo anterior ao cristianismo, pensaba que non había que preocuparse da morte, “cando existimos –dicía– a morte non está presente, e cando ela está presente xa non existimos”. Que lles parece esta reflexión do filósofo grego?


Ao can ou á vaca non lles importa tanto. Pero, como seres sociais e integrantes de grupo, a morte dun achegado entristécelles, moléstalles e dóelles. Na memoria deste escribidor está gravado un suceso, a morte repentina de Parda, aquela vaca leiteira e traballadora que era como a alma da familia, como a conciencia da xente aldeá. Araba nas leiras, andaba no prado, enchía os cántaros de leite e mantiña un cucho por ano.


A morte daquela vaca deixou sen alento a propios e a estraños. Choraron todos os da parroquia e os máis vellos téñena no maxín. Para eles, Parda está no prado pacendo e os nenos do lugar, ruando con ela.


A ONU calcula que ao longo de 2025, máis de trescentos millóns de persoas necesitarán axuda humanitaria. “Isto non vai ben –di a Tía Manuela– aumentan os conflitos, as guerras e as mortes”. Segundo datos aportados pola ONG Armed Conflict Location and Event Data (ACLED), a violencia política aumentou 25% en todo o mundo, en 2024, en comparación co ano anterior, con máis de duascentas vinte mil persoas mortas. Entre tanto, hai quen chora a morte do cadelo.

A morte do cadelo

Te puede interesar