Monárquicos porque si

Non quixera crear un debate sobre a dicotomía Monarquía-República porque esta é unha cuestión da que falamos moitas veces sen ter diante a Historia con maiúsculas, pero estarán comigo que dun tempo a esta parte circulan por aí panfletos disfrazados de textos de historia escritos por palmeiros da ditadura e por algún escritor de éxito co gallo de seguiren inventando España.


Teño a costume de gardar os artigos que por algunha razón me chaman a atención e un deles é o publicado en “Infolibre” en agosto do ano pasado escrito por Carolina Bescansa, profesora de Metodoloxía na Universidade Complutense, titulado “Contra a Monarquía” que volvín a ler porque esta institución é un saco sen fondo niso de crear noticias “contra a monarquía”. Este traballo xornalístico é o suficiente clarificador e amosa con claridade como a Monarquía converteuse nun “holding” empresarial co rei Juan Carlos á cabeza.


A II República cae como consecuencia do golpe de estado de 1936. O 26 de xullo de 1969 o príncipe Juan Carlos é proclamado sucesor de Franco na xefatura do estado con título de Rei conforme as leis Fundamentais do Réxime, ou o que é o mesmo, pola gracia do ditador. Como ven, moi democrático o proceso. Somos pois monárquicos porque si.


E logo da proclamación e investidura púxose a maquinaria en marcha para tratar de convencer ao pobo de que ese era o camiño correcto a seguir, coa aquiescencia dun partido orixinariamente de esquerdas e de estirpe republicana, que se inventa iso do “juancarlismo” imaxino que coa pretensión de poñer fin ás aspiracións republicanas facendo acotío lavado descarado da figura do rei. Non sei o que dirán agora aqueles que renunciaron aos seus ideais logo de saberen con pelos e sinais as manobras orquestrais na escuridade promovidas polo rei Juan Carlos e as súas amizades perigosas que o levaron a fuxir de España logo de amasar unha fortuna incalculable, segundo relata en interesantes artigos o xornalista Carlos Bayo 

non refutados pola Casa Real.


Canto máis se saiba disto é posible que o concepto que a cidadanía ten da Monarquía pode cambiar e minguar as adhesións.


Se o pobo tivera a prerrogativa de elixir un rei, debería ter a posibilidade de derrocalo cando fora indigno. Afirmar que o poder do rei proven de deus foi unha solución: un rei por mandato divino inviolable e irresponsable dos seus actos. E así pasa o que pasa co noso monarca e coa súa Monarquía inelixible . Un difícil camiño cara á III República, abofé.

Monárquicos porque si

Te puede interesar