O misterioso home de “A Bañeza”

O que vou contar díxomo un bo amigo meu, profesor de filosofía xa xubilado cuxo primeiro traballo logo de rematar a carreira foi na localidade leonesa de A Bañeza; pediu aquel destino porque lle quedaba máis preto de Galiza que era onde lle gustaba estar. Meu amigo Moncho naceu un 10  de marzo, unha data moi significativa polo que aconteceu en Ferrol aquel 10 de marzo de 1972.
 

Pois ben, Moncho e uns amigos estaban nun restaurante  á hora do xantar co gallo de celebraren  o seu cumpreanos cun pouco de retraso e mantiñan unha animada conversa mentres non saiu o tema do sucedido en Ferrol, intre no que o meu amigo alporizouse e levantando o ton da voz dixo o que estaba pensando. —Baixa o ton que nos estamos a por en evidencia! dixo un compañeiro cando percibiu que eran centro doutras olladas. O Moncho seguiu coa súa diatriba ata observar que na mesa contigua un home deixara de comer e estaba chorando. Volvéronse a el e trataron de darlle consolo invitándoo a sentarse con eles. Convidárono a xantar e díxolles que ía camiño de Madrid, que era de Ferrol e que aqueles sucesos os tiña gravados a fogo no seu maxín e non o daba superado. Como o bus tardaría aínda un tempo en saír,  Moncho invitouno a súa casa e de alí, logo de daren uns grolos a unha botella de licor café, foron á parada do autobús onde  o meu amigo despediu a aquel ferrolán e non volveu saber nunca máis  del.
 

O Moncho contoume esta historia e a min pareceume entrañable . Pregunteille se chegou a saber quen era aquel home, se deixara família en Ferrol  e se a causa da súa viaxe  a Madrid tiña que ver con aqueles tráxicos sucesos.—Pois mira Xoán, non cho podo dicir porque logo de tanto tempo non lembro case nada daquel intre: é posible que mo dixera pero esa información, de producirse, quedou disolta na miña memória, e mira por onde coincidindo co 10 de marzo, e  logo de tanto tempo, es o primeiro en sabela.
 

Tratei de pescudar, preguntei aos amigos da “Fundación 10 de Marzo” por si tiñan novas de alguén próximo á organización daquela manifestación, e si saíra para Madrid co gallo de evitar as consecuencias da represión que sen dúbida se produciría: detención, torturas e cárcere para os directamente implicados. Dixéronme que sabían de un tal Juan V. que eu coñecía, que se fora só para Madrid, pero souben que non era aquel ferrolán solitario en A Bañeza.
 

Nunca saberemos do ferrolán viaxeiro que ía só cara a Madrid con parada nesa localidade leonesa, agás a testemuña do encontro con aquel que xa poderíamos nomear como “o misterioso home de A Bañeza”.

O misterioso home de “A Bañeza”

Te puede interesar