Non parecía razoable tanto interese en conservar no poder do Concello un parque de vivendas que, segundo os partidarios da Negra Sombra só lle daban perdas, ata que, o 23 de Outubro de 1997, o xornal “O Faro de Vigo” publicaba en grandes letras a noticia: “Ferrol autoriza el mayor derribo de viviendas de Galicia para construir un barrio nuevo”. O comentario anunciaba que o proxecto xa estaba deseñado, o prazo de realización estaba arredor dos dez anos e que, o investimento aproximábase aos 300.000 millóns de pesetas. A nova causou impresión na cidade e grande alarma nos veciños das “casas baratas”, mentres había unha enorme alegría entre os da Negra Sombra, que comentaban eufóricos: ”Hai diñeiro para todos”. A cousa estaba tan adiantada que xa tiñan feita unha maqueta que foi presentada en varios locais, e informaban do traslado dos veciños durante os dez anos, para volver despois ás novas vivendas . E a isto engadiuse o cambio de opinión do presidente da asociación “El Pilar”, antes contrario a esa radical solución e que, segundo despois se soubo, ía ser nomeado “administrador” do novo barrio.