O contrato establecía tamén certas condición por parte do “Instituto Nacional da Vivenda”, recollidas no Regulamento deste tipo de vivendas, entre outras, a de “Uso y Destino”, a de “Renda Reducida” e a de “Amortización” sempre que non houbese altas razóns en contra. Pois ben, aínda que os primeiros contratos recollían a cláusula de amortización cuberta, aqueles foron retirados e os poucos que se devolveron aos veciños, eran exemplares falsificados. E, a “Negra sombra”, rematou por non respectar ningunha daquelas normas do regulamento das vivendas recollidas nos contratos primitivos, como a da renda reducida, establecendo alugueiros moi caros e aínda aumentados nun dez por cento, como pago de servizos que nunca existiron e, a da amortización, malia impoñer prezos tan caros. A estafa estaba clara, pero os tempos non estaban como para protestas e os veciños calaron por temor a verse envoltos nunha sombra quizais aínda máis negra... E aos meus 12 anos entramos na nosa nova vivenda, un terceiro andar moi soleado, cunhas fermosas vistas á ría e que, malia os seus 57 chanzos, prometía un período de paz.