Merecida e cálida homenaxe

Mañá, día do inicio oficial da primavera, estará de días –xa van corenta e tres, quen o diría– o benquerido Duarte, meu fillo máis vello, a quen quero dedicar especialmenbte estas liñas.


Desde hai vintedous anos celebra aniversario tamén o Día Mundial da Poesía, proclamado pola Unesco en 1999 co importante obxectivo de lle dar vidiña á arte poética, de procurar que teña unha maior presenza na cotidianeidade de todas e todos os humanos. Unha data para a promoción da poesía que se pode levar adiante desde ámbitos diferentes e complementarios como o do seu ensino, o da súa difusión en recitais, o do apoio a pequenas editoriais, o da súa presenza nos meios de comunicación... difundindo a imaxe de que o poético é un xeito de expresión que permite aos pobos todos transmitir os seus valores, ao tempo de se reafirmar na súa identidade. De aí a súa importancia, a súa necesidade, case tan necesaria “como el pan de cada día, / como el aire que exigimos trece veces por minuto”, que hai anos escribiu Gabriel Celaya e tanto difundiu Paco Ibáñez.


En sintonía con esta celebración universal, a Real Academia Galega homenaxeou Bernardino Graña, nun fermoso acto que tivo lugar na tarde de antonte venres no Auditorio de Nigrán, con presenza e participación do alcalde do Concello, onde o escritor reside desde hai anos, ademais de representantes dos de Cangas –o lugar que o viu nacer– e mais de Moaña, onde tamén morou. Conducido pola académica Marilar Aleixandre, a homenaxe iniciouse coas palabras de apertura dos presidentes das institucións académica e municipal, que deron paso á lectura de poemas do escritor homenaxeado por parte de diferentes personalidades do mundo literario galego, nomeadamente poetas, que foron, ademais, os que seleccionaron cadanseu texto.


Xosé María Álvarez Cáccamo abriu o recital e fíxoo cun poema de seu “Oda mariña á forzas e materias de Bernardino Graña”. O resto foron versos do homenaxeado. A pandemia do coronavirus obrigou a retrasar a homenaxe dous anos. Nese tempo, concretamente o 31 de marzo de 2020, faleceu Xosé Luís Franco Grande, un dos poetas que ían intervir no acto, polo que, consecuentemente, xa escribira as liñas nas que falaba da súa relación co seu amigo Bernardino e tiña elixido o poema del que ía ler: “Febre no mar”. Foron as fillas Rosalía e Navia Franco as que puxeron voz ao seleccionado polo pai.


A seguir interviñeron Lucía Novas, Alexandre Ripoll, Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Ramón Lorenzo, Héitor Mera e Miro Villar. Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre leron os textos e os poemas seleccionados por Ana Romaní e Elvira Ribeiro Tobío –que non puideron asistir–, respectivamente.


Xesús Alonso Montero fixo unha moi interesante e instrutiva “Gabanza de Bernardino Graña Villar: da infancia a hoxe”, na que deu conta de episodios significativos e pouco ou nada coñeCidos da traxectoria vital do poeta. Finalizou a sesión coa actuación do grupo Gelría que interpretou tres poemas, musicados por eles, da autoría de Carlos Casares, Luz Pozo e Bernardino Graña. Afortunadamente, quedará testemuña escrita do acontecido no primoroso volume Como un mascato ergueito –palabras de Bernardino tomadas do seu Sima-cima do voar do tolo (1984)–, preparado por Marilar Aleixandre. Un pracer vivir esa xornada acompañando un vello e querido amigo: Bernardino Graña Villar.

Merecida e cálida homenaxe

Te puede interesar