Memoria do movemento obreiro

Nesta semana que se nos acaba de ir, puiden, en dúas tacadas, dar boa conta da obra -tan oportuna, como útil e necesaria- 10 de marzo : un conflicto del movimiento obrero por la democracia, editado polas Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, que está na rúa desde os albores do verán. E abofé que me prestou, foron unhas horas que me lembraron moitas cousas e que me fixeron reflexionar sobre outras tantas. Hai nomes que me deron pé a iso: Celestino Llano Cotrofe, Abelardo García Barros, Eduardo Lodeiro ou  Juan Vivanco, por me referir só aos que figuran no anexo “Documentos”. Tamén, e iso que son ateo convencido, pensando na situación na que estamos nos últimos tempos, me entraron unhas tremendas ganas de blasfemar. Tantos e incansables traballiños e sofrementos para crear conciencia social e solidaria, de pobo dono de seu, para saírmos daquela humillante e feroz ditadura -aínda que o tirano acabase morrrendo na cama, que non lle resta valor á loita- para acabar vendo a ansiada España das liberdades convertida, ou case, nun monigote dos Estados Unidos. Ao meu entender as cousas non se fixeron para isto. “No és això, companys, no és això / Pel que varen morir tantes flors / Pel que vàrem plorar tants anhels / Potser cal ser valents altre cop / I dir no, amics meus, no és això”, como cantaba Lluís Llach aló por 1978 no seu “Companys, no és això”.


Na capa figura José Gómez Alén -amigo de certo dos anos universitarios- como coordinador. Non é que o de coordinador non sexa, per se, un labor interesante e valioso -máxime se a coordinación, como é o caso, está ben axeitada- mais en honor á verdade creo que se debe dicir que neste volume Gómez Alén é algo máis que coordinador, pois é autor de tres dos seis capítulos que o conforman: “El Ferrol y la Bazán. Ciudad e industria”, “El conflito laboral de Bazán: de 1971 a marzo de 1972” -realizado, como oportunamente se indica,  por anacos da obra As Comisións Obreiras de Galicia  e a conflictividade laboral durante o franquismo (Xerais, 1995) e “Xaime Quesada, Acisclo Manzano y la mirada del arte gallego sobre el 10 de Marzo”. Dous dos tres capítulos restantes proceden anacos de obras aparecidas hai uns anos: o terceiro de Latidos de vida y conciencia, o volume I das Memorias colectivas de Rafael Pillado (Fuco Buxán, 2012)- e o cuarto de El Juicio de los 23 : El último gran proceso del TOP, publicado pola Asociación Fuco Buxán en Edicións Embora, da autoría de Enrique Barrera -historiador, compañeiro de páxina dominical no noso Diario- e de Rafael Pillado e de José Torregrosa -dous dos procesados e amigos de vello. O quinto capítulo, do que é autor o meu moi querido e admirado amigo Xesús Alonso Montero, reférese á resposta dos poetas galegos á traxedia do 10 de marzo e nel reproduce a totalidade dos poemas referidos aos tráxicos sucesos; xa no texto -os de Evaristo de Sela, Uxío Novoneyra, Daniel Méndez (Darío Xoán Cabana) e Ramiro Fonte-, xa no anexo documental “Poemas”. Son, estes segundos, versos, non moi coñecidos, por certo, e é unha lástima, de Vicente Araguas, Pepe Leira, Manuel María, Karlotti, María Xosé Queizán e Darío Xohán Cabana. A inmediatez das traxedias ou a reflexión sobre o impacto que produciron, adoitan dar pé a creacións potentes.


Réstame gabar os amplos anexos “Documentos” e “Hemeroteca” e convidar á pracenteira lectura deste documento exemplar.

Memoria do movemento obreiro

Te puede interesar