Con María Xesús Lama en Barcelona (e III)

Sentín non ter máis tempo para partillar conversa con  María Xesús Lama en Barcelona aproveitando que tivo a xentileza de se achegar pola sala da biblioteca Mercé Rodoreda onde eu estaba co gallo de facer un repaso sucinto do meu paso pola “Nova Canción Galega” cuxo comezo discográfico tivo lugar na editorial “Edigsa” desa cidade hai 54 anos; aí é nada!  Entón andaba por Barcelona un profesor galego “promotor” daquela aventura, Basilio Losada Castro, que  puxo en antecedentes aos seus amigos  Enric Cirici e Josep María Masip, fundadores desa discográfica, da presenza dalgúns cantantes galegos que andaban a faceren algo semellante en Galicia  aos  da “Nova Canço” en Cataluña  e ... .por aí comezou todo. 
 

Foi un pracer saudar e coñecer a María Xesús Lama, responsable do Departamento de Estudos Galegos na Universidade de Barcelona, alumna de  Basilio Losada Castro. Arestora estou mergullado no seu magnífico libro “Rosalía de Castro—Cantos de independencia e liberdade (1837-1863)”, un primeiro volume biográfico sobre a nosa excelsa poeta editado por “Galaxia” ( 2017)  na colección Grandes Biografías polo que levou  ao ano seguinte o premio nacional de ensaio. Non son erudito na materia pero penso que nas miñas mans teño un libro de referencia, un traballo imprescindíbel para coñecer en profundidade a evolución vital dunha muller simbolo dunha época, nun tempo no que a muller en xeral xogaba na sociedade un papel ben pouco relevante, e cuxa aspiracion na vida era o matrimonio. Enorme documentación a que manexa María Xesús Lama na que aparecen numerosas citas, entre outras de Fermín Bouza Brey e Xosé Ramón Barreiro aos que tiven a sorte de coñecer persoalmente,
 

Teño outras achegas na miña biblioteca  sobre Rosalía entre elas un libro titulado “Rosalía de Castro—la luz de la negra sombra (1985)”, unha publicación que abrangue  aspectos divulgativos que nos achegan ao personaxe, unha aproximación á figura da excelsa poeta, pero o que fai María Xesús Lama é ir máis aló nun traballo baseado nunha metodoloxía científica de pescuda, propia dun traballo biográfico que se prece malia saber que unha encomenda así nunca se remata, non se pecha, e sempre poden aparecer cousas novas.
 

María Xesús díxome que pasou pola súa mente invitarme para que lle falara e cantara aos seus alumnos textos da propia Rosalia e doutros autores como Curros Enríquez e mesmo Federico García Lorca dedicados a ela. Non había tempo para máis, así que queda aberta esa posibilidade para outra ocasión. A miña intención esta vez era pechar o círculo no sitio onde comezou todo, pero dubido se deixar unha pequena físgoa no mesmo porque igual que sucede coas biografías pode que xurda algo  que me anime a seguir un pouco máis. Xa veremos.

Con María Xesús Lama en Barcelona (e III)

Te puede interesar