O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Nin sabe qe ten de seu
Nin é merecente dela.
(Popular)
ende 1963 celebramos un día de exhaltación das letras galegas e por engadido ao noso idioma. Foi un 17 de maio de 1863 cando saiu do prelo o libro Cantares Galegos de Rosalía de Castro dando inicio ao que sería denominado Rexurdimento. Dende o ano 1963 instituíuse o Dia das Letras Galegas en conmemoración desa efeméride. Pasaron xa sesenta anos cando aquel primeiro “Día” foi dedicado a Rosalia e ata o de agora seguimos rexurdindo. Se é verdade que se avanzou na revitalización do idioma galego non é menos certo que aínda queda moito camiño por percorrer porque a deturpación, a persecución, o acoso e derrubo da nosa lingua ven de moi atrás e o rexurdir non acontece por xeración espontánea: hai que lle dar tempo ao tempo e seguir poñendo afán nesta encomenda.
Unha das arelas das conquistas é derrubar as sinais de identidade dos conquistados comezando pola que mais os define: o idioma. Non convén esquecer que o concepto de España nace en Castela e que a unidade territorial remata no século XV cando os Reis Católicos poñen fin á chamada Reconquista. O idioma de Castela para os unionistas tíñase que impor en todo o territorio e comezou o ataque desapiadado contra o que eles definían como dialecto de bárbaros, unha malfomación do castelán que conviña corrixir prohibindo falar galego nas escolas, enviando mestres e mestras, escribans, funcionarios e mesmo abades e abadesas castelans aos mosteiros galegos coa encomenda explícita de impor o castelán e rematar co galego ata tal punto que só quedase coma algo residual para a xente ruín, os malpocados e ficase así reducido ao interese dos etnógrafos e medievalistas.
Hai menos dun ano saiu do prelo un libro moi interesante que expón con meridiana claridade o camiñar do noso idioma polo deserto do desleixo. O libro titúlase “O Libro Negro da Lingua Galega” cuxo autor é Carlos Callón . Nel aparecen moitas das claves que en certa medida esclarecen a situación da precaridade pola que tivo que pasar e pasa o idioma galego, e nos chama a atención sobre senlleiros persoeiros que a través do tempo fixeron todo o posíbel por vituperar, abafar e denigrar a nosa lingua. Quizá noutra ocasión faga mención deles.
Diante de tales atropelos o Rexurdimento semellaba un milagre porque a deturpación orquestrada polos atacantes, coa tixola polo mango, parecía ser máis forte ca resistencia. Pero hoxe resistimos e a nosa lingüa prevalece, dentro si, dunha diglosia que conviña arrebolar para poñeren cando menos ao castelán e ao galego nun mesmo plano de igualdade, cousa á que aínda non chegamos.
Ben está que unha vez ao ano fagamos exhaltación da nosa lingüa, algo é algo, pero estaría moito mellor que a defensa dunha das máis senlleiras sinais da nosa identidade a establecéramos de cotío.