Incómodas testemuñas

Coñecida é a conversa telegráfica entre o debuxante Frederic Remington e o magnate da prensa William Randolph Hearst, propietario, entre outros, do New York Journal, que, en 1897, o enviara a Cuba para que mandase ilustracións da situación na illa para acompañar as crónicas que ía publicar o xornal sobre o movemento independentista. Visto o visto, Remington comunicou por vía telegráfica: “Todo en calma. No hai problemas. Non haberá guerra. Quero voltar”, ao que Hearts respondeu: “Non, siga aí. Vostede mande ilustracios, que a guerra poñereina eu”.


Así escribiuse boa parte da historia, con noticias falsas, das que Hearts foi un avanzado precursor. De cando en cando non é mala cousa volver visionar o Cidadán Kane (1941), xunto co máis recente Mank (2020), sobre como se escribiu ese filme.


As fake news, tan de moda, non son, pois, como sabemos, cousa de hai catro días nin da expansión das redes sociais. Interésanlle aos poderosos, que saben servirse moi ben delas, porque teñen experiencia e fortes medios para o seu uso.


Chéganos a información de que o goberno israelí tomou a decisión de pechar, momentaneamente, durante un mes, a cadea qatarí Al-Jazeera, en liña co declarado hai tres días polo seu ministro de Comunicación: “Israel está en guerra por terra, ar, mar e nas ideas. Non imos permitir que as transmisións afecten á nosa seguridade”.


Horas antes desas manifectacións do señor Shlomo Karhi, Al-Jazeera difundira un vídeo no que cuestionaba a versión israelí do brutal bombardeo do hospital gazatí Al-Ahli, no que, como sabemos, morreron varios centos de palestinos, a maioría nenos e vellos. Un vídeo onde parece probado que o bombardeo foi obra do exécito israelí e non un erro de puntaría das milicias palestinas, como se pretende facernos crer.


Nesas súas declaracións, Shlomo Karhi facía referencia, ademais, a que Al-Jazeera emite contidos que incitan á violencia e supoñen un risco para a seguridade de Israel. Conviña, xa que logo, eleborar unha regulación de emerxencia que permita o peche temporal de todos os medios que, a xuízo do goberno, poidan danar a seguridade nacional. En base a iso xa decidiron prohibir as emisións da cadea catarí.


Mais, relacionado con isto, non podemos perder de vista o acontecido hai uns días, cando a visita do primeiro ministro británico a Israel. Na entrevista que Sunak mantivo con Isaac Herzog, o presidente israelí pediulle que censurase a BBC, xa que, ao seu entender, distorsionaba os feitos cando falaba de Hamás.


Curiosamente, antonte soubemos da demisión de todo o persoal da BBC en Cisxordania debido a que a dirección da cadea pediu aos seus reporteiros e corresponsais de todo o mundo, especialmente os de Oriente medio, “non informar a verdade” -sobre os ataques israelís á poboación civil en Gaza- e si seguir “as directrices mediáticas e editorias emanadas desde o goberno israelí”.


Será iso o dereito a defenderse, informativamente falando?


Mentres tanto, entre nós, tentan impedir a presenza nos estadios de bandeiras solidarias co pobo palestino. Esquecen que hai catro días fomentaban a presenza, onde queira que for, de bandeiras ucraínas?


Que está a pasar aquí? Desde logo, nada bo.

Incómodas testemuñas

Te puede interesar