Hai un tempo que imos observando como a convivencia vaise deteriorando por comportamentos incívicos. Se andas por Ferrol podes sorprenderte vendo a alguén que leva consigo a nenos enriba dun patinete, ou che pasan por riba. É habitual ser testemuña de video conferencias a todo volume e, dá igual, tanto pode ser na rúa ou na sala de espera do ambulatorio.
Parece que estamos “recuperando” a eses coches que levan a música para toda a veciñanza ou a aquelas motos que fan tanto ruído que hai que taparse os oídos. E a carón destes comportamentos incívicos, vemos determinadas “pintas” que parecen sacadas de algunha película de Neflix.
O certo é que as normas básicas de respecto aos demais están sendo deixadas a un lado. Dinme que sempre vexo as cousas co mesmo filtro, talvez sexa así. Mais, levamos uns anos onde a chegada da extrema dereita e a súa política de bulos, insultos e acosos –e que estes non teñan castigo– fan que outros moitos pensen que eles tamén teñen bula.
Uns e outros son as dúas caras do problema. Retroaliméntanse. O que os primeiros reproducen na política e nas televisións (máis cando outros se suman de xeito irresponsable), provocan un “efecto chamada” contra a convivencia.