Importante descuberta

Hai un par de semanas recibín unha mensaxe na que Paulo Fernández Mirás me comunicaba que tiña novas interesantes relacionadas coa súa tese e que desexaba amosarmas. Como, segundo me dicía tamén, de alí a uns días tiña que andar pola Facultade de Filoloxía da Coruña, combinamos de vérmonos alí. Como así fixemos.


Coñecín a este mozo graduado en Filoloxía Inglesa e en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña cando puntualmente asistiu a todos os actos celebrados nun dos ciclos de actividades ao redor da figura de Carvalho Calero que, durante uns anos, organizamos Bernardo Maiz, Manolo Pazo, Vítor Santalha e eu mesmo para chamar a atención sobre a incuria de non lle ter adicado o Día das Letras Galegas ao ilustre profesor e escritor ferrolán, cando xa tiñan transcurrido máis de vinte anos do seu falecemento. Como nese tipo de actividades a concorrencia non adoita ser moi numerosa -é o que hai- é doado detectar a presenza de persoas descoñecidas, máxime, como foi o caso, se seguen con grande atención o que se está a dicir. Ao final dunha das sesión entablamos conversa con el e a sí soubemos que andaba a facer un máster no que como traballo final ía presentar unha investigación sobre Carvalho Calero. A partir de aí seguimos mantendo relación por vía telemática e de cando en cando coincidimos presencialmente. Traballador infatigable, sempre ten algo de interese que contar, mais o que me quería ensinar desta volta era algo verdadeiramente sorprendente, mesmo inimaxinable. Tiña nas mans a fotocopia dun libro de versos de Ricardo Carvalho Calero descoñecido. Como tivo a ben pasarme parte dun traballo que está a preparar sobre o seu relevante achado crin de interese dedicarlle estas liñas co obxectivo de dar publicidade a este feito, que me parece en verdade relevante.


Trátase dun mecanoscrito que leva por título Feixe Levián (1934-1948) e que contén 61 poemas. Deles 38 son inéditos e os 23 restantes xa os coñecemos por estaren publicados, tanto en libro como en diferentes publicacións periódicas. Os recollidos en libro son 15 -curiosamente todos reproducidos en Pretérito imperfeito (1927-1961) (1980)-: 1 en Vieiros (1931), 10 en Poemas pendurados dun cabelo (1952) e 4 en Salterio de Fingoi (1961) e os publicados en revistas e diarios son 8.


Da lectura da correspondencia entre don Ricardo Carvalho e o seu amigo desde os anos composteláns don Paco Fernández del Riego -a quen se vai adicar o Día das Letras Galegas de 2023- o Fernández Mirás conclúe que a o mecanoscrito por el atopado é a copia coa que se quedou o profesor Carvalho do orixinal enviado ao Centro Galego de Buenos Aires para o concurso de poesía convocado pola entidade en 1948, que, casualmente, gañou outro ferrolán, tamén represalíado pola ditadura franquista: Dictinio de Castillo-Elejabeytia, coa súa obra O espello das brétemas, que non se publicou ata 1987.


Cómpre finalizar dándolle os parabéns ao investigador Paulo Fernández Mirás e urxilo a que nos dea a coñecer en libro esta valiosa aportación para un mellor coñecemento da figura do doutor Carvalho e a que remate con ben a súa tese de doutoramento sobre o egrexio profesor e escritor ferrolán.

 

Importante descuberta

Te puede interesar