Homenaxe a Torregrosa

Sempre dixen que as homenaxes hai que facelas en vida. O que se fai despois da morte, en abondos casos, adoita soar máis a obriga que a auténtica devoción, o que non quita de que tamén poida habela. En calquera caso, entendo que xa non se corresponde stricto sensu con esa demostración pública de admiración e respecto ás persoas da que falan os dicionarios ao uso.
 

Auténtica demostración de admiración, respecto e cariño -porque tamén hai moito cariño- é a que, promovida e organizada polo Concello de Ferrol, A Asociación Cultural Fuco Buxán, o Club de Prensa e  o Colexio Ludy,  lle ofreceu onte o seu pobo no Teatro Jofre, baixo o rótulo: “José Torregrosa: Mestre de Cultura e Vida”. Cómpre, pois, darlle os parabéns ás entidades convocantes e, sobre todo, ao homenaxeado que ben merece isto e máis. Seino ben, que o coñezo de vello e sempre o admirei e quixen.
 

Non recordo ben cando tiven noticia de Torregrosa. Probablemente de velo no Instituto Concepción Arenal, porque os pequenos sempre nos fixamos nos maiores e el ía cinco cursos antes. Si teño certeza de ter bastante relación con el nun grupiño no que estabamos Mariluz Couceiro, Merce, Vicente Araguas, Bernardo Máiz, Santi Eizaguirre, eu e, posiblemente, alguén máis que non recordo ben -quizais Juan Vivanco ou Eduardo Lodeiro- qe adoitábamos reunirnos en La Ibense, La Suíza e algún outro café para conversar.
 

Desa época recordo simpáticos detalles de Torregrosa como estes. Nun festival matinal no Rena interviñeran un grupo folk -no que estaba meu irmá Santi- e un grupo rockeiro que interpretaba temas dos Beatles. Ao remate dunha canción dos de Liverpool, Torregrosa comezou a pedirlles a voz en grito Revolución, Revolución... Na temporada 1968-69, na que o Racing estivera a piques de ascender -quedara a 3 puntos do Mallorca- a falta de persoal de información deportiva no xornal onde traballaba motivara que Torregrosa, con escasa ou nula idea de fútbol -simplemente porque non gustaba del-, tivera que asistir ao estadio para cubrir a información dun partido do Racing e aló fumos cando el Vicente Araguas e mais eu, que si eramos futboleiros e, como hoxe, siareiros racinguistas. Estaba un día infernal, chovera e chovía tanto que o vello campo do Inferniño estaba totalmente encharcado, era un auténtico lamazal. Á saída comentámoslle algún lance do xogo, que pouco puidera haber con aquel estado do terreo, que fora, xunto coa vitoria local, o máis salientable do encontro. Con eses escasos datos armou unha moi simpática crónica na que chegou a falar do temor circundante a que en calquera momento puidese aparecer un crocodilo movéndose por aquela pantanosa charca. Tiña boa pluma e grande sentido do humor.
 

Cando, a comezos de 1978, deixei Santiago e volvín vivir a Ferrol, Guillermo Llorca enroloume na directiva do Ateneo e alí coincidimos, Torregrosa e mais eu, como vocais dunha directiva que presidía Natalia Lamas, como se pode ler na acta manuscrita da sesión do 22/IX/1978 que a institución ateneística reproduciu nestes días en agasallo ao seu exdirectivo. Daquela a hoxe foron moitas e diferentes as ocasións en que tiven ocasión de departir aquí e acolá con Torregrosa, o que sempre é un auténtico pracer.
 

Todos os parabéns, amigo.

Homenaxe a Torregrosa

Te puede interesar