lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

A HOAC na loita obreira do 72 de Ferrol

íntome na obriga de facer, aínda que sexa pequena, unha achega da historia da HOAC (Hermandad Obrera da Acción Católica) en Ferrol neste quincuaxésimo ano dos sucesos do 10 marzo do 72 do século pasado, coa conexión que tivo en todo o ámbito da España franquista.


Como anécdota deixo caer este suceso de contraste, que sucedeu durante a II República con moita  sona  na prensa de Madrid. Foi o caso dos mineiros de León cando queimaron unha capela dun santuario e desa queima salvaron a imaxe de Xesucristo con un letreiro que dicía: “Ti non, porque Ti es dos nosos”.  


Polos anos cincuenta do franquismo nace a HOAC  coa consigna da conquista do mundo obreiro para Cristo, sen darse conta de que o Xesús do Evanxeo xa estaba nese mundo; o obxectivo  pois era asegurar unha fronte anticomunista, que lle impuña a pregunta de cando trunfará o cristianismo sobre o comunismo?. A pregunta seguía latente nestes grupos sobre todo na España da Santa Cruzada franquista de fondo.  


Aínda que controlados pola xerarquía e polo sindicato vertical da ditadura, a HOAC  chegou a conseguir numerosos militantes animados polo seu líder, o enxeñeiro-obreiro Rovirosa “coa súa ascética cristiá e mística obreirista que aparecía no xornal “Tu”, axiña acollido polo seu atrevido impacto popular e crítico, descoñecido até daquela” (di Chao no libro “La Iglesia en el Franquismo”). Este xornal fíxose tamén popular na Bazán de aquí de Ferrol. Ao pouco tempo secuestrado e prohibido polo goberno. Máis tarde tamén a xerarquía escabezaría  o seu líder.


Aquí arranca a HOAC en Ferrol animados polo traballador da Bazán, Camilo Ces,  delegado para Galiza, amigo e colaborador de Rovirosa, quen se achegou a Ferrol varias veces. Como traballador da Bazán, deixounos un escrito da súa propia man coa actividade dos hoacistas e a clase traballadora. Cito só algunha curiosa anécdota. Dado o espectáculo daquela dos obreiros da Bazán que saían a mediodía comer nos portais das casas do arredor, conseguiron os comedores dentro da empresa. Mesejo recibiu a reprimenda do delegado do sindicato vertical por facer xestións fóra dos canles legais. Outra conquista, tamén sen os canles legais, foi que á morte dos titulares da casa de Bazán, as viúvas eran desafiuzadas coa familia, ora ben, lograron que quedasen utilizando a vivenda. Chegaron a “facer unha comisión onde había socialistas e comunistas” -di Ces. Aquí xurdiu un equipo que espeliu un pouco o movemento cristián dentro da clase obreira. Citamos só uns cantos, entre outros a Mesejo, Carmelo, Leira, Silva, Juan,  e as mulleres, Carmen Riobó, Victoria, Patrocinio, etc. animados polos sacerdotes Gabriel, Cuco, Aneiros, Vicente, Manolo Trigo, que foron laborando  até chegaren á unión na loita sindical clandestina de CCOO. Todos unidos, o 10 de marzo de 1972, no centro de Cáritas, nos comités de empresa para axudar ás familias das vítimas, Amador e Daniel, e dos despedidos; estendeuse a solidariedade obreira polas capitais da Galiza, coa significativa loita en Vigo, Coruña, Santiago, etc. Que se espallou por España e polo estranxeiro.


A loita obreira dos sucesos do 72 en Ferrol, trouxo unha resposta clara e radical dunha parte da Igrexa contra actuación do réxime franquista. É a primeira vez que a Igrexa condena a actuación da policía franquista, non matarás, quedou claro a condena do metrallar a multitude obreira. Se aínda houbera dúbidas da conciencia clara antifranquista, estes sucesos do Ferrol valeron a toma da postura do grupo de base e do bispo Miguel Anxo; unha postura moi crítica contra o réxime ditatorial Nestes tempos se en grande parte esmoreceu, é boa ocasión de acoller democraticamente a Ley de Memoria Democrática. Cónstame que a HOAC está nesta liña.


Se ben é certo, como queda dito, que estes sucesos supuxeron unha unión exemplar de toda a clase traballadora, estudantes, movementos sociais, e pobo en xeral, xorden estas preguntas: por que na celebración dos 50 anos do 72 non se chegou a unidade, polo menos, sindical?. Por que os dirixentes sindicais non se sentan a dialogar para conseguir a unidade da esquerda nos obxectivos e datas comúns, como exemplo para o pobo en xeral?


Está ben celebrar a historia e agasallar aos que deron a súa vida nesa loita; mais se a historia é mestra da vida na solidariedade, non podemos esquecer á xente xubilada e enferma que morre no abandono por falta de prazas nas residencias públicas, pois as pensión non chegan nin para pagar a metade do que cobran as privadas.


Bríndolle a HOAC que colabore no traballo de liberarse do apego á dereita franquista, coa consigna de desfranquizar a Igrexa. Como é posíbel que a COPE e TV13 coas súas prédicas antievanxélicas sexa a voz da Igrexa subvencionada cos nosos cartos?  Non teñades medo que os templos se baleiren da hipocrisía do nacional catolicismo. Enriquecerse do Evanxeo de Xesús coa mensaxe da parábola do fermento e do Bo Samaritano, pois fermentar e samaritanizar é hoxe boa consigna para calquera ser humano

A HOAC na loita obreira do 72 de Ferrol

Te puede interesar