A guerra xa está aquí

Era algo que víase vir dado o carácter do personaxe que a propicia, buscando escusas que non teñen, vistas así a bote pronto, a consistencia suficiente para chegar á situación extrema na que arestora nos atopamos. Dicir que non lle gusta que Ucrania se occidentalice ata o punto de formar parte da OTAN non parece motivo suficiente como para proceder a unha invasión do país veciño e si meterse de cheo nos asuntos internos dun estado soberano e como tal independente. E o outro motivo que argumenta é que quere evitar que se impoña alí o nazismo como sistema de goberno. Todos sabemos que estes argumentos solapan a outros que parecen máis verdadeiros como as ansias imperialistas coas que se espertou un Putin que xa demostrou de vello non ter precisamente un talante o que se di moi democrático.


Esta guerra é como unha pelexa entre David e Goliat que, de manterse sen outras inxerencias, ten un resultado decantado a favor do poderoso exército ruso, unha potencia mundial en material bélico e nuclear coa que por certo Putin xa ameazou a todo aquel que se atreva a axudar ao invadido dicindo que, de facelo, podería ter consecuencias nunca vistas na historia (sic).


E que pasa coa OTAN? Pois segundo din o que disto saben, non pode intervir a non ser que o pais agredido sexa un membro da organización, e Ucrania non é membro da OTAN. Visto así, dende a perspectiva dun neófito coma min, mellor que o tío Sam e os seus aliados, entre os que nos atopamos, non entre na provocación do Putin porque poderíamos estaren diante dunha catástrofe de consecuencias imprevisibles.


Pero estamos fronte unha invasión, unha guerra onde vaise impor o argumento do mais forte, daquel que teña máis capacidade para matar e destruír, porque a fin de contas a guerra significa iso: morte e destrución. Haberá, xa está habendo, mortos rusos, ucraínos e civís que nada teñen que ver cos espurios intereses dos señores da guerra, e ao final haberá un pobo sometido e un invasor que, erixíndose como “salva patrias alleas” tratará de xustificar o que resulta moi difícil de lexitimar.


E por si xa non estiveran as cousas difíciles, isto vainos afectar moi negativamente, de feito xa nos está afectando. A conta desta guerra moitos van encher as faldriqueiras porque tamén para iso serven as guerras.


Na idade Media os reis espremían ao pobo cando necesitaban recursos para guerrearen subindo os diezmos, e logo de setecentos anos seguimos igual. Abofé.

A guerra xa está aquí

Te puede interesar