Grave crise constitucional

As institucións estatais están a vivir quizais a súa peor crise dende a aprobación da Constitución no 1978, quitando a xerada pola rebelión de Tejero, Miláns e Armada o 23-F de 1981. As actitudes da dereita e extrema dereita españolaa e tamén  da propia esquerda española semellan reflectir que xa non hai consenso sobre as regras de xogo que rexen a elección e funcionamento das principais  institucións do Estado. Do Tribunal Constitucional (TC), do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e das Cortes Xerais.Prodúcese así unha grave crise que xa se desenvolveu entre 2010 e 2018 canto á Constitución territorial , coa sentenza que declarou parcialmente a nulidade dun Estatut xa plebiscitado pola cidadanía catalá e coa definición maximalista dun artigo 155 con potencial para limitar substancialmente o dereito á autonomía constitucional, cesando  Gobernos e disolvendo Parlamentos autonómicos, fronte á interpretación dos xuristas coetáneos da Constitución (como Gil Robles y Gil Delgado ou García de Enterría) de só poder limitar determinadas accións deses Gobernos.
 

PSOE, UP e Más País coñecen perfectamente a xurisprudencia constitucional que prohibe introducir emendas no trámite lexislativo de proxectos e proposicións de lei cando nada teñen a ver esas emendas coa materia da proposta. É dicir, introducir emendas con regras sobre a elección e asunción do cargo de persoas maxistradas do TC ou sobre como ha debater o CXPX a elección dos seus dous representantes no TC, como se está a facer, é inconstitucional. Por certo, cómpre lembrar que a primeira vez que tal se fixo foi por parte do PP no 2003, durante o aznarato, cando se quixo introducir na Lei de Arbitraxe unha emenda para crear o delicto de convocatoria de referéndums ilegais, dirixido contra a iniciativa de novo Estatuto de Estado asociado do lehendakari Juan José Ibarretxe. 
 

Mais a reacción do PP, Vox e Cs sobarda con moito a gravidade das condutas da esquerda española, ao recorrer non leis xa aprobadas , senón querer parar os trámites de aprobación desas leis. A actuación parlamentaria hase mover nos marcos do Estado de Dereito, mais o control sobre os seus actos e leis ha ser a posteriori, logo de que estes actos e normas nazan á vida xurídica e nunca antes. A gravidade desta pretensión aínda é máis notábel se nos decatamos que vai ser decidida por maxistrados co cargo constitucional caducado, caducidade directamente vencellada coa decisión da dereita española de boicotear calquera anovamento do TC e CXPX que pense lle pode prexudicar.


En calquera caso, a esquerda española está a sofrir as resultas da doutrina do “a por ellos” desenvolvida no procès catalán, cando o TC interrompeu varias veces procesos parlamentarios sen agardar a que se adoptasen as correspondentes decisións pola Cámara catalá. Calaron daquela e agora veñen por eles.

Grave crise constitucional

Te puede interesar