Agora que os partidos políticos están a comezar a preparación das súas estratexias electorais, sería interesante facer un pequeno estudo da actividade desenrolada polo goberno actual e, se cadra, tamén polos gobernos anteriores, para coñecer o grao de eficacia de cada grupo gobernante, sempre tendo en conta a incidencia na mellora, en xeral, da vida dos cidadáns. Coido que sería bastante significativo comprobar as queixas tanto individuais como colectivas que de xeito cotiá son presentadas no rexistro municipal e o grao de atención que que se lles dedican, por parte do alcalde e os concelleiros. Obsérvase que, dun xeito xeral, un goberno tras outro, coinciden en facer grandes obras na zona “noble” da cidade, para admiración dos foráneos, mellorando as condicións para os peóns, e empeorando as posibilidades dos condutores, que cada vez teñen menos rúas accesibles e menos posibilidades de estacionamento, sen que iso incida no custo de rodaxe, que seguen abonando igual. Certo que, como compensación poden “aparcar” enriba das beirarrúas das zonas máis desfavorecidas. E da zona rural , semella que ninguén se decata das enormes posibilidades desa tan fermosa como abandonada zona. Mais como non se fala dela, agás en casos puntuais, semella que non existe, non é?