Nas situacións de crise é onde se pon a proba a valía dos gobernos, a capacidade de resposta e sobre todo de empatizar cos problemas da sociedade para aportar solucións. O goberno de Pedro Sánchez amosou nesta crise enerxética que é consciente do complicado momento que atravesan a maioría das familias e aprobou un paquete de medidas para tratar de acotar a subida enerxética e para axudar aos cidadáns a paliar o incremento dos prezos no ámbito do aluguer, os combustibles, a enerxía ou o transporte público.
Medidas concretas que protexen da inflación ás clases medias e traballadoras e que axudan a repartir as consecuencias da guerra de forma xusta e equitativa xa que ademais de axudar de forma directa aos máis vulnerables se gravan mediante impostos ás grandes empresas eléctricas, gasistas e petroleiras.
Pola contra, esta crise puxo de manifesto a incapacidade do goberno galego de aprobar unha soa medida, evidenciándose a inacción dunha administración que dispón de 11.000 millóns de euros de orzamento e a ausencia absoluta de propostas para facer fronte a situación que estamos a vivir. Un goberno ausente, no que en apenas cen días de goberno, xa queda claro que Rueda é unha prolongación dun proxecto esgotado.
Lamentablemente temos un presidente que practica o escapismo, que fuxe das preocupacións dos galegos e as galegas mentres cuestiona constantemente as medidas tomadas polo goberno de Pedro Sánchez. Un presidente escapado e un goberno paralizado que non actúa no que ten competencias, nin colabora onde non as ten.
Os galegos e as galegas non podemos seguir esperando polo goberno galego, é necesario que Alfonso Rueda asuma medidas de forma urxente e deixe de criticar as tomadas polo resto de administracións. Os socialistas temos propostas pero ademais temos empatía cos problemas dos cidadáns e por iso presentaremos en todos os ámbitos parlamentarios unha batería de medidas elaboradas con rigor económico que dean resposta á situación económica e social do país.