As eleccións francesas e a vitoria de Macron teñen que ser interpretadas en distintos planos. O primeiro, deles, o máis obvio, é que os franceses decidiron apostar por un modelo democrático e europeísta ben coñecido e que da continuidade aos valores que configuraron os nosos sistemas políticos e que deron vida no seu momento á Unión Europea.
Os cimentos europeos seguen, ao fin, firmes. O feito de que Macron repetira mandato supón tamén unha evidencia de que as turbulencias e inestabilidade políticas vividas nos últimos anos semellan superadas, gusten ou non os resultados e coincidan ou non coa ideoloxía política de cada quen. A miña, claro está, é outra, mais mesmo así cómpre valorar dun xeito ponderado o resultado.
Mais existe un plano alarmante do acontecido en Francia sobre o que é evidente que temos que reflexionar, porque o importante respaldo acadado por Le Pen nin é un feito illado nin obedece a porcentaxes residuais de poboación. Polonia e Hungría son dous exemplos desa outra política autoritaria, de nacionalismo exacerbado e antieuropeo aos que tamén se sumaron o 40% dos franceses e que en España asoma con forza, cortexada por un Partido Popular que aspira a cohabitar con ela.
É importante reflexionar sobre a ideoloxía que tales forzas defenden e o que representan nun mundo no que os avances sociais acadados tardaron décadas en chegar, avances que en moitos casos aínda non están consolidados e que corren un serio risco de retroceso ante a intransixencia de determinados esquemas. Pero aínda é mais importante decatarse de que o avance de ditas forzas non obedece só a un compoñente ideolóxico, senón, e sobre todo, obedece a un crecente malestar social que busca saídas, como as buscan os líquidos sometidos a presión polas más finas fisuras do recipiente que os contén. Si queremos manter os valores da nosa civilización e afondar nos avances acadados temos que dar unha resposta útil e clara a uns cidadáns que son incapaces de entender os sistemas de fixación de prezos dos mercados eléctricos ou a implantación de políticas que teñen un alto custe persoal. A Unión Europea ten dado mostras nos últimos anos dunha forza que moi poucos auguraban. O fixo para plantar cara á pandemia e o fixo tamén facendo un sólido fronte común contra a invasión rusa.
Mais non chega. Europa ten que ser capaz tamén de atallar o malestar nacido do feito de que a sociedade avanza a dúas velocidades: a de aqueles que teñen recursos suficientes para soñar cunha vida mellor, e a de aqueles que carecen deles e que teñen dabondo con loitar pola súa supervivencia sen entender, e mesmo rexeitando, determinadas políticas para eles inalcanzables ou totalmente alleas. Porque para dar un paso adiante como sociedade, temos que ter coidado de que non queden persoas que vaian moitos pasos por detrás.