A flexibilidade, salarios, e a folga do metal

A folga do metal pon en primeiro plano a caída na clase traballadora dos salarios reais nos últimos anos, unha tendencia que se potencia agora coa inflación en máximos, co agravante de que non existe seguridade ningunha de que se modere no futuro, aínda que o Governo teime nesta mensaxe. Todo amosa que o medre do prezo da enerxía, o aumento dos atrancos na cadea produtiva mundializada, e sobre todo o crecemento da desigualdade, deixan en evidencia os custes da confrontación pola centralización e concentración do reparto da renda e do poder, tanto a nivel mundo como en cada país. Como contrapartida abonda con ver o medre dos beneficios das corporacións e grandes fortunas, e tamén dos ingresos dos directivos...


Daquela que, para manter esta tendencia, coa escusa da pandemia, dos atrancos da globalización neoliberal, e da guerra da Ucraína, mais unha vez se pretenda poñer como condición básica, para manter a competitividade e o emprego, reducir os salarios reais, flexibilizar a xornada, e desregular aínda máis as condicións laborais. E isto é o que está a suceder en moitos convenios de empresa e de sector, como tamén é o caso do metal da provincia de A Coruña, razón pola que as centrais sindicais convocaron unha folga de catro días, despois de dous anos de vencido o convenio, con propostas empresarias con retrocesos nos salarios e xornada.


A patronal propón un convenio por seis anos, sen actualización anual e flexibilizar unha parte da xornada, 176 horas, que se realizarían cando a empresa o estime oportuno. Este último aspecto é unha esixencia cada vez máis forte das empresas, porque ademais do aspecto económico (substituír horas extras) crea unha situación de dependencia constante da empresa, que impide que o traballador e traballadora podan programar a súa vida persoal á marxe da actividade laboral. Non é unha cuestión menor, xa que o que hoxe se considera unha situación extraordinaria vai camiño de se converter en algo habitual.


As reivindicacións dos traballadores/as son mínimas e xustas, entre outras, que o salario se actualice todos os anos co IPC, un día máis de vacacións, regulación do plus de perigosidade, limitación das ETTS... A folga do pasado xoves no sector foi un éxito, esta convocado outro día de paro para o 18. Os sindicatos e os medios salientaron o éxito da folga e manifestacións. A CIG afirmou: “non estamos mendigando, reclamamos recuperar o poder adquisitivo dos salarios agora e non dentro de catro anos como quere a patronal, e acadarémolo unidos e unidas e mantendo a mobilización”. Semella o único camiño.

A flexibilidade, salarios, e a folga do metal

Te puede interesar