Final feliz

Poñámonos como nos poñamos todo na vida ten un final. Todo, para ben ou para mal, acaba e os finais pode ser bos, malos, regulares, excelentes, dolorosos, pésimos, alegres, tristes, desagradables, felices... Un destes últimos foi o que tiven a fortuna de vivir o venres da semana pasada. Nese 28 de outubro, na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, tivo lugar o acto de defensa pública, con grande brillantez, por certo, –son plenamente obxectivo, abofé- da tese de doutoramento do licenciado -agora novo doutor– Alberto Pombo Añón, traballo de investigación que tiven a satisfacción e o orgullo de dirixir, xunto coa doutora Teresa López Fernández, benquerida colega e amiga. Verso e acorde: Relacións entre literatura galega e música (1960-2000) é o título do traballo de investigación desenvolvido polo xa doutor Pombo Añón para a obtención do máximo grao académico universitario, estudo que foi valorado coa máxima cualificación polo douto tribunal nomeado para facelo, composto polas doutoras Laura Tato Fontaíña –presidenta– e María Xesús Nogueira Pereira –secretaria– e polo doutor Carlos Taibo Arias -vogal. Teño o convencemento de que o traballo vai ter a mesma favorable acollida cando, en forma de libro –ou libros–, estea nas mans do público leitor.
 

Para min, como xa apuntei, foi unha xornada feliz –a verdade é que non esperaba outra cousa–, un día deses inesquecibles. Ver a alegría do novo doutor e da súa mai, Loli, –xente entrañable–, así como dos seus amigos, compañeiros da Universidade ou doutras xeiras da vida, convidaba, naturalmente, a iso. Cae de caixón. Porque a Alberto o coñecín cando entrou na Universidade. O seu era un curso con escaso alumnado e iso permitiu un trato persoal que é impensable noutras situacións. A esa relación directa alumno-profesor sumouse outra derivada da que el travou con alumnos e alumnas de cursos superiores ao seu cos que eu xa tiña un contacto consolidado. E de aí á amizade con todas as letras non houbo máis que un paso, que o tempo consolidou. O alumno prezado converteuse en amigo. Un amigo que, entre outras cousas, perdía o seu tempo en tentar ensinarme a tocar a guitarra eléctrica, cousa que ao final, por circunstancias que non veñen ao caso, quedou en pouca cousa. Mais aí está o detalle.
 

Foi, ademais, o día que felizmente puxo fin a unha parcela da miña vida académica, a de director de investigación, que se iniciou en 1977, cando o doutor Francisco Rodríguez Sánchez defendeu, no Paraninfo da Universidade de Santiago, a súa tese de doutoramento Análise sociolóxica da obra de Rosalia de Castro, traballo que tiven a honra de dirixir. Foi a primeira. A defendida o pasado venres 28 de outubro a décimo sexta. Penso que non está nada mal. Unha traxectoria cun inicio e un final felices. Como feliz é a xubilación que xa hai un tempo veño desfrutando. En atendendo á orixe do termo non podería ser doutra maneira, porque, como sabemos, o latín jubilo, -are, non quere dicir outra cousa que dar berros de alegría.

Final feliz

Te puede interesar