Fillas e fillos da madrugada

Somos filhos da madrugada / Pelas praias do mar nos vamos / À procura de quem nos traga / Verde oliva de flor no ramo / ...” son os versos cos que comeza o xa vello “Canto Moço” que o inmenso José Afonso gravou en 1970 para formar parte do seu LP Traz Outro Amigo Também.

Os filhos da madrugada é o título do libro da xornalista, autora e presentadora de programas de televisión, programadora cultural... trasmontana Anabela Mota Ribeiro (1971) ao que dediquei parte do meu tempo desta última semana. Un tempo moi ben empregado, debo recoñecer.

Aparecido no mes de novembro do pasado 2021 –compreino a primeiros de ano na miña última visita a Portugal– recolle 25 entrevistas realizadas pola autora e emitidas diariamente pola RTP3, entre o 1 e o 25 de abril dese ano, baixo ese mesmo título de “Os Filhos da Madrugada”, conversas que podemos ver tecleando “Os Filhos da Madrugada - Episódios - RTP”.

As 26 persoas entrevistadas -unha das entrevistas é coas irmás xemelgas Joana e Mariana Mortágua, deputadas do Bloco de Esquerda e fillas de Camilo Mortágua, un dos 22 activistas que en 1961, en nome do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) asaltaron e tomaron o paquebote Santa María, que facía a ruta La Guaira-Vigo con máis de 600 pasaxeiros, asombroso episodio sobre o que Margarita Ledo realizou o documental Santa Liberdade (2004), que xa non ten que ver con esta nosa historia de hoxe- teñen en común o feito de ter nacido con posterioridade ao 25 de abril de 1974, isto é, de seren filhas da madrugada en que tiveron lugar os acontecementos, coñecidos como a Revolução dos Cravos, que puxeron fin a 48 anos de ditadura en Portugal.

Trátase, pois, de 26 persoas –10 homes e 16 mulleres– nacidas, entre 1974 e 2002, en diferentes lugares e en diferentes condicións sociais. Algunhas son fillas de familias exiliadas: unha enfermeira neta de españois fuxidos da ditadura franquista ou unha investigadora universitaria filla de comunistas escapados da ditadura militar brasileira. Outras naceron en Luanda ou en Portugal, fillas de emigrantes caboverdianos. Malia esas diferenzas, a práctica totalidade teñen estudos superiores, sendo, nalgúns casos, os primeiros membros das súas familias en obter esas titulacións. Ideoloxicamente tamén as hai de todas as cores, desde o PCP ata o CDS, xentes que nalgúns casos mesmo ocuparon cargos políticos: ministras do CDS e do PS e deputadas do Bloco de Esquerda ou do Partido Comunista.

As profesións tamén son dispares: enfermeira, dramaturgo, físico, xurista, empresario, fadista, rapeira, fotógrafo, investigadora en neurociencia, catedrático de Universidade...

O conxunto deses diálogos, onde o recordo das limitacións vitais impostas pola ditadura, da guerra colonial, da sumisión das mulleres... –feitos todos padecidos, en maior ou menor medida, polas familias, que non, obviamente, polos entrevistados– está moi presente á par da radical mudanza social e política que trouxo o 25 de abril, preséntanos unha interesante e plural visión do Portugal dos últimos decenios.


Fillas e fillos da madrugada

Te puede interesar