Un dos grandes éxitos, no mandato anterior, foron as campañas e os esforzos para promover a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial ante a Unesco. Un traballo entón desenvolvido pola concelleira socialista Eva Martínez. Hai que lembrar que este reto colectivo compromete, de xeito moral, a todos os grupos municipais. Que conta co apoio dos cinco anteriores alcaldes que precisamente a mencionada concelleira, activista sociocultural no 2018, aglutinara nun acto público no Antigo Hospicio: Xaime Bello, Juan Juncal, Vicente Irisarri, Jorge Suárez e ao propio José Manuel Rey (daquela conselleiro na Xunta de Galicia). Tampouco hai que esquecer o compromiso acadado polo ex alcalde Ángel Mato do conselleiro de cultura Román Rodríguez, no 2020, para a promoción da candidatura, sendo o actual alcalde testemuña directa do acordo.
Sería moi interesante continuar nesta senda. Desenvolver un novo plan específico que retome un feixe de actividades de cara á complicidade da cidadanía e das entidades ferrolás. A promoción alén das Pías e sentar xa as bases do órgano de xestión da candidatura ante a Unesco que – obrigatoriamente - ten que ter á cidade naval, á Armada, así como a outras administracións.