O que faltaba

“En San Mamés sacaron el hacha de guerra contra Cruyff”. Así titulaba o redactor da axencia Alfil a súa crónica do partido Athletic-Barça celebrado no campo bilbaíno o 24 de marzo de 1974. Moitos recordamos aquel encontro -que puidemos ver en directo na TVE-, que acabou 0-0, nomeadamente polo castañazo que lle arrimou Ángel Villar á estrela neerlandesa do equipo catalán.


Para refrescar a memoria, xa que non atopei as imaxes na rede, busquei información escrita e isto era o que dicía a Hoja del Lunes de Burgos: “En el minuto 34 se sucede la jugada clave del encuentro. Cerca de la banda, entra Villar a Cruyff duramente y el colegiado le enseña la tarjeta blanca al jugador local. Poco más tarde cuando se iba a lanzar una falta, Cruiff provocó con fintas, quiebros ademanes a Villar y éste, llevado por su inexperiencia, nervios y fogosidad le propinó un puñetazo dejando al jugador barcelonista tendido en el suelo. Soto Montesinos, al percatarse del incidente, enseñó tarjeta roja a Villar”.


Como esta percepción dos feitos non cadraba ben cos meus recordos procurei algunha outra. O enviado especial da Hoja del Lunes de Barcelona escribía: “Villar, que acababa de ser amonestado con la tarjeta blanca por ir visiblemente a por Cruyff, volvió a la carga poco después, encontrándose la pelota junto al banderín de corner. Fue un codazo a la cara, acaso con provocación verbal del holandés, pero que, desde luego, no atenúa la culpa de Villar, que incluso tomó el camino de los vestuarios anticipándose a la exhibición de la tarjeta roja”.


Lembro ben que Villar emprendera o camiño dos bestiarios antes de ver o cartón, mais o relato da agresión, que difire do anterior, tampouco me encaixa.


O caso é que houbo unha dura agresión, que Cruyff -que sempre valorou que Villar fose ao bestiario para lle pedir desculpas- considerou como unha anécdota máis á que non había que lle dar maior importancia.


Se ben ese tipo de comportamentos non semellan os máis adecuados para quen, acabada a vida de xogador, chegue a ocupar postos de dirixente deportivo, sempre coincidín co manifestado por don Johan. Non hai que magnificar. Mais cada día se magnifican máis as cousas, o que nos está levando a unha sociedade do máis pacato, con escaso espazo para o razoamento e clara tendencia cara o pensamento único.


No dito ao redor do recente mundial de Qatar atopamos cantidade de exemplos disto que acabo de manifestar. Resulta que agora está mal visto botar un bailoteo despois de marcar  un gol ou parar un penalti. É unha ofensa, din algúns. E mirar ao ceo, santiguarse tres ou catro veces ou axionllarse mirando para a Meca non?


O xesto do porteiro arxentino co trofeo non pasa de ser unha grosería e fálase de que pode perder fichaxes relevantes por iso. Non será máis groseiro -á parte doutras consideracións- enganar a Facenda? Ramí, acusado no seu día por Pamela Anderson de, agás pola mai, non ter respecto por ningunha muller, cualificou o arqueiro arxentino de ser a maior merda do fútbol. Curioso, non? Pódense dar patadas, couces, pancadas... mais facer xestos ou falar calquera cousa non é xogo limpo.


O máis penoso é que cheguen a intervir nas polémicas ministros e ministras francesas. O que faltaba.


Que teñan un feliz ano.

O que faltaba

Te puede interesar