lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Facerse un Irene Montero

Como unha pequena experiencia no traballo gobernamental teño, voume permitir facerlles unha confesión: a metade das viaxes institucionais non valen para nada. Para nada que lle benefice a vostede, claro, que os seus protagonistas pois ven mundo e coñecen xente, algo que pode resultarlles importante de cara ao futuro persoal. A máis célebre das dúas últimas semanas pertence a este tipo. Refírome á que desprazou a Estados Unidos á ministra de Igualdade, Irene Montero, e a varias persoas do seu gabinete. 
 

Descifrar se os desprazamentos teñen chicha de verdade ou simplemente son paseos a cargo do erario público resulta bastante doado a pouco que un teña o ollo adestrado. Algúns enténdense como necesarios a simple vista: é obvio que un ministro de Exteriores debe participar en cimeiras da Unión Europea ou que unha alcaldesa debe encabezar a promoción turística da súa cidade en Fitur. En cambio, as alarmas comezan a soar se a viaxe só se xustifica con conceptos baleiros tipo “compartir experiencias con”, “establecer contactos”, “estudar sinerxias” ou, por suposto, o santo grial das fraudes: “futuros proxectos ilusionantes”. En efecto, o da ministra de Igualdade a Washington usou este estilo de palabrería. 
 

Teño participado nalgunhas viaxes institucionais, bastante máis modestas que a levou a Irene Montero e as súas compañeiras a facerse selfies nas grandes avenidas de Nova York. Lembro unha a Dublín, que obviamente ademais das horas de traballo tamén tivo tempo para o ocio. Como é normal, os cargos públicos que participaron e eu, simple asesor, fomos de pubs a tomar pintas de cervexa negra. Pero a ninguén se lle pasou pola cabeza facerse unha foto de amiguitos para subila ás redes sociais. A tarefa da representación baséase sobre todo no respecto, ao cargo e á xente. Convertela en imaxes festivas de excursión racha con ese vencello. Iso foi o que fixo Montero e o seu equipo. 
 

As responsables de Igualdade decidiron que nun momento crítico no económico era boa idea coller o contaminante Falcon para celebrar catro reunións de nivel limitado e unha visita de fans a unha escritora. E para xogar ás fotos de diversión particular. Resulta frívolo e irresponsable. Guindou pedras contra o propio tellado da esquerda. Por iso recibiu críticas desde todos os sectores. A súa resposta aínda empeorou as cousas. 
 

“Ayuso también lo hizo”. Ese foi o fenomenal discurso co que respondeu o entorno da ministra. Ou sexa, que o asalto aos ceos acabou convertido en ter o mesmo dereito ao selfie que a estrela fulgurante da dereita máis anti-social. Alucinante. Pero tristítismo para os que nos consideramos progresistas. Porque a base de excursións sen sentido, burbullas adolescentes, personaxes sinistros, posturas anacrónicas e, en definitiva, a inmersión brutal en todo aquilo que antes rexeitaban, unha parte da esquerda parece traballar cunha única viaxe como obxectivo. A que leve a Feijóo á Moncloa.

Facerse un Irene Montero

Te puede interesar