Son afeccionado á fotografía: creo que non é un arte menor e por iso procuro visitar canta exposición pónse ao meu alcance. Esta vez acudín ao porto de A Coruña porque alí estaba pendurada unha colección de Steve Meisel de gran formato e a curiosidade puido máis co interese que despertou en min o argumento da mostra . O fotógrafo en cuestión é un home vencellado a ese mundo “glamouroso” que é a moda e ao das modelos, algo que nunca me interesou. Fotógrafo que traballou para a revista “Vogue” á que tamén, dito sexa de paso, nunca lle botei unha ollada, e famoso por aquel libro das fotos que lle fixera a Madonna no ano 1992 titulado “Sex”. Esta mostra de A Coruña corresponde a traballos feitos no ano 1993, que xa choveu.
Comezarei dicindo que as cousas ben presentadas, en espacios ben coidados con todo luxo de detalles, azafatos e azafatas uniformadas incluídos no paquete, realzan e dánlle máis glamour ao que está dentro do continente. Porque a vestimenta, a posta en escena, importa moito nestes casos. Imaxinen por un momento que no canto das fotos de “celebrities” do Meisel fosen retratos feitos por Xurxo Lobato, Ovidio Aldegunde ou Xan Piñón por nomear algúns da numerosa lista de excelentes profesionais que temos por aquí, e concluirán comigo en que o éxito tamén estaría garantido. E digo isto porque penso que estes e outros fotógrafos nosos serían merecentes dun tratamento así malia non teren fotografado a Madonna, Claudia Bruni, Claudia Scheffer, Linda Evangelista, Naomi Campbell, etc. Non o teñen o mesmo por iso. Pero a amiga coruñesa do Meisel quixo darlle cancha e con iso xa está todo dito.
En canto as fotos parto da premisa de que case todas son excelentes independentemente dos personaxes fotografados, a maioría cun perfecto dominio do “pousado” o que facilita as cousas para o fotógrafo acostumado a traballar con modelos así. A espontaneidade está perfectamente calculada e nada está ao albur da improvisación malia que nalgunha foto así o pareza . Perfectos encadres e dominio absoluto da luz no branco e nengro cheo de gamas e matices.
Que estamos diante dun gran profesional é cousa que ninguén discute e que achegarse a pousar para el é algo que non está ao alcance de calquera. El reinventa as modelos, as fotografía e véndeas a revistas especializadas ao tempo de facer reportaxes para campañas das grandes empresas que venden roupa como a que dirixe a súa promotora da exposición de A Coruña.
Non me interesa nada o mundo que reflicte a exposición, pero non sería honrado se non manifastase o meu recoñecemento a esta importante icona da fotografía da moda. Se lles gusta o retrato, déanse unha volta por alí.