“Estilo Galicia”

Alfonso Rueda, na súa toma de posesión como presidente da Xunta de Galiza, reivindicou o “estilo Galicia”. Segundo os medios, este estilo fai fincapé “na moderación política, fuxir dos extremismos, alentar a estabilidade e reclamar o que se necesita, mais sempre respectando as regras de xogo e o marco autonómico e constitucional”. Ou sexa, segue a mesma liña do PP das últimas décadas, que cómpre recoñecer que até agora lle deu tan bo resultado electoral. Aínda que a postura do alcalde de Ferrol, figura destacada no seu partido, respecto da lingua galega coloca a Galiza nun carácter subalterno nun aspecto esencial da súa identidade... Era tan evidente a contradición que tivo que dar marcha atrás axiña pola presión social, mais tamén, seguramente, polo tirón de orellas do partido a nivel galego... A actitude de submisión ao centralismo era demasiado ostentosa e agresiva.


Agora ben, para alén de estas proclamas por parte do presidente soen ben, o certo é que se analizamos o “estilo Galicia” na práctica, que é o que importa, por exemplo nas derradeiros 16 anos, os seus resultados están moi por debaixo doutras nacionalidades e autonomías que teñen o plus de contar cunha extensa costa, como é o noso caso. E, sobre todo, Rueda non parece ter en consideración nas súas propostas as grandes modificacións estruturais que se están a producir no mundo e nos posíbeis escenarios cal debe ser o papel de Galiza. Ou sexa (como mínimo) para crecer en PIB, emprego e demografía; e aínda que sexa moito pedir a un partido de dereita, garantir a xustiza social e acadar o grao de soberanía necesario para avanzar neste contexto tan complexo, reflexo do fin dunha época.


Desta etapa o máis destacado para o noso país, para alén do avance tecnolóxico e da globalización da economía e as finanzas, é a forte caída da natalidade e a emigración da mocidade, a exportación de capitais, e o papel determinante do capital foráneo nas na maioría das empresas máis dinámicas. En poucas palabras: temos un papel secundario na cadea de valor. Isto implica: menores ingresos económicos e salarios máis baixos como parte do proceso produtivo, e a exportación de capitais e de man de obra cualificada. Este é hoxe o esencial do “estilo Galicia” que aplica o Partido Popular e que non confronta o “progresismo sistémico” do PSOE. Hoxe, a globalización neoliberal está cuestionada polo choque de intereses entra as grandes potencias. Aproveitemos as contradicións para gañar en soberanía, ou sexa, poñermos a produción ao servizo do povo galego.

“Estilo Galicia”

Te puede interesar