A España da caspa

Abascal e Tamames-Tamames e Abascal- amosaron  no pasado debate parlamentario da moción de censura de Vox unha volta á España da caspa (seica millóns aínda viven nela), mentres o PP de Núñez Feijóo  non foi quen de se distanciar da proposta do extremismo nin votando en contra nin proxectando na opinión pública unha mensaxe clara de afastamento a respecto de semellante nível de casposidade.


 As maiorías sociais na Europa toda entendemos os valores da convivencia plural  e da tolerancia. Sendo plurais as nosas sociedades é ben lóxico que as persoas que son os seus representantes políticos teñan distinta fasquía e xeitos de vestir e de se expresar diferentes. Abascal pensa que hai un só xeito de vestir con dignidade nos Parlamentos, porque lle nega a cualidade da cidadanía a millóns que votamos distinto. Velaí o seu radical afastamento co que sinten e pensan as maiorías. A definición política da españolidade que esas verbas reflicten son propias dunha España monolítica, autoritaria e clasista.


Pola súa banda, Tamames asumiu as teses anticientíficas do pseudohistoriador Pío Moa para defender que a guerra civil comezou no 1934 e tentar pór no mesmo nível de desprestixio a legalidade republicana e-na Galicia-estatutaria e a xenocida agresión dos rebeldes franquistas. Tamén tentou vencellar indisolúbelmente o réxime do 78´ á mera evolución monárquica do próprio réxime franquista, cando datou a “democracia española” na aprobación da lei de reforma política de 1976 no canto de a vencellar ao proceso complexo de aprobación da Constitiución e dos Estatutos das nacionalidades que a enchen, amplían e a dotan dun fondo sentido plurinacional que agora os namorados do réxime do 78¨ seica refugan.


Reflectiu tamén Tamames a súa adhesión clasista ás peores propostas económicas da dereita española , ao refugar un moi curto SMI de 1082 €/mes que disque “España no se lo puede permitir” e ao propugnar a extensión da sanidade privada no noso sistema prestacional da saúde pública. E como o benestar público sempre vai vencellado ao autogoberno, propugnou ao tempo que esa extensión da sanidade privada habería desenvolverse ao abeiro dunha xestión sanitaria única, recentralizada dende ese Madrid onde queren negociar exclusivamente as grandes empresas de sector. Tamén propugnou esa mesma recentralización na xestión e contidos da educación, que habería ser unilingüe en castelán.


Proxectaron Tamames e Abascal, Abascal e Tamames, unhas sociedades onde mulleres, inmigrantes, colectivos LGTBI, persoas traballadoras e librepensadoras e todas aquelas que antepoñemos a nosa cualidade nacional galega á formal cidadanía española  non haberíamos ter espazo nin voz de noso. Proxectaron unha España da casposidade que rexeita os valores liberais e democráticos da Europa plural de 2023.


Son millóns en todo o Estado os que apoian a mensaxe clasista, machista, iliberal e antigalega de Tamames e Abascal. O máis grave é que aínda non  ollamos a única reacción posíbel de Núñes Feijóo: rachar de vez con estes inimigos da democracia e da convivencia. 

A España da caspa

Te puede interesar