lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Envellecer!

Goethe, o gran poeta e pensador alemán, dixo un día que: “envellecer é retirarse progresivamente do mundo das aparencias” e sinto discrepar con esta sentencia do egrexio personaxe. Pode que nalgún caso ocorra que efectivamente se deixen atrás as aparencias pero no mundo no que vivimos arestora, que non é o de Goethe, moitos vellos non se retiran do mundo das aparencias senón que van na procura delas porque hai moitos que non se resignan a recoñeceren que o “tempo fuxit” e nos vai facendo vellos sen remisión. Habería que darse conta tamén que “as aparencias enganan” e máis aínda aos ilusos, aos que cren estaren instalados na eterna xuventude.
 

Coidarse, facer exercicio no ximnasio, camiñar non sei cantos quilómetros ao día, está moi ben para mantermos no binomio aquel de “men sana in corpore sano” pero a certas idades hai que andar na procura de facelo coa moderación axeitada, non vaia a ser que nos pasemos de voltas, cousa que soe ocorrer con máis frecuencia da que sospeitamos cando a esixencia da mente choca coa minguada predisposición do corpo e resulta perigoso rachar o equilibrio entre ambos os dous.
 

Cos anos a nosa anatomía vai cambiando, poñémonos un pouco máis “fofos” porque os músculos van perdendo ton, faise máis prominente a chamada con eufemismo “curva da felicidade” que non podemos disimular malia o esforzo de metela para dentro. Pensamos que o exercicio nos pon máis esveltos, cousa que pode suceder ao principio pero se non hai unha alimentación axeitada non haberá tampouco axeitado resultado: en fin que aparecen unha serie de sacrificios que non sei se paga a pena abordar cando non estamos precisamente adestrándonos para unha maratón. Xa que logo, coidarse si pero sen grandes alardes.
 

A psicoloxía define o “síndrome de Peter Pan” como un desfase que algunha xente ten entre a súa idade cronolóxica e a emocional. Coñecín a algunha xente vella que non estaba pola labor de viaxar polo “Imserso” porque segundo eles iso era cousa de vellos. Ten que ser tremendo, e ao mesmo tempo patético, non aceptar estar entre vellos séndoo e ao tempo non encaixar entre a xente moza. Pero en fin, ten que haber xente para todo e cada un pode facer da súa capa un saio.
 

Eu, que queredes que vos diga, estou mais con Victor Hugo que con Goethe, creo que ao envellecer me estou volvendo máis asertivo: ando na procura de non buscar a aceptación dos demais para aceptarme a min mesmo tal e como son. Se un consigue estar contento con sigo mesmo creo que se está en condicións de encarar con máis optimismo isto tan inevitable como é o envellecemento. E nesas estou.

Envellecer!

Te puede interesar