Eleccións trascendentais no Brasil

O mundo está a mudar cunha enorme rapidez, o que é unha necesidade se temos en consideración a gravidade da desfeita ecolóxica, do medre da desigualdade e especialmente da precariedade, da violencia en todas as súas formas. Efectos dos que nen as potencias hexemónicas (Estados Unidos e aliados) se salvan, mais que golpea con gran dureza aos países da periferia, daquela as migracións masivas, polos cambios climáticos, polo papel cada vez máis marxinal na escala de valor, polas intervencións externas, o intercambio desigual...


Neste contexto hai que entender a importancia de que un partido progresista por vez primeira governe Colombia, e o salto político que implicaría que triunfase Lula da Silva no Brasil, tanto por formar parte dos BRICS como porque se trata da 9ª economía do mundo (en termos de capacidade de merca), empatada con Francia e o Reino Unido. Polo tanto os resultados das eleccións terán importancia respecto das política internas porén tamén no ámbito rexional e mundial.


A esta altura a candidatura de Lula ten unha vantaxe de máis de 12 puntos sobre Bolsonaro, e son moitas as posibilidades de que poda gañar en primeira volta o 7 de outubro. Se triunfa Lula haberá un cambio de tendencia á esquerda. A esta actitude menos condicionada por Washington, sumaríase á de México, Arxentina e Colombia, e outros países, como Bolivia, Cuba, Venezuela, Nicaragua, etc. Constituiría un bloque histórico, aínda que non se pode obviar que os retos non son pequenos para manter unha liña propia, que supere a división de bloques que neste intre a OTAN parece preferir para recuperar a súa hexemonía fronte a China e Rusia.


Brasil ten 217 millóns de habitantes e unhas dimensións continentais, e fala un idioma que forma parte do galego-portugués, onde a maior diferenza coa nosa lingua está na fonética e na normativa da escrita. Para ali foi unha grande emigración galega dende 1850 durante un século. Tan numerosa era nalgunhas zonas que no nordeste a todos/as aqueles con pelo loiro dicíanlle “galegos/as” (así era como Lula chamaba á súa segunda muller, falecida en 2017).


Malia termos tanto en común o comercio da Galiza co Brasil é moi cativo, no ano 2021 exportamos por 98 millóns e importamos por 193 millóns de euros. As relacións con Portugal, Brasil, Angola,... tanto nun caso pola proximidade como noutros polas potencialidades deberían ser mimadas. Existen moitas razóns para alimentar todos estes aspectos en común, tanto no cultural, como no económico e político. Entón?... Non esistirán grosos e interesados muros de cristal?.

 

Eleccións trascendentais no Brasil

Te puede interesar