Días de letras galegas éstes finais de semana que se nos vai, a última dun ano a piques de liscar, enchidas de ferrolanismo e de ferrolanía, saídas de mentes -moi ben dispostas, por certo- de persoas que non viron as primeiras luces na nosa cidade, mais que nela viviron os anos fundamentais -así o creo- en que a xente se prepara para a vida, aqueles en que se aprenden os alicerces do saber, os de ser quen de estar no mundo.
Na tarde do xoves acudín ao salón de actos do benemérito Ateneo, entidade da que son socio desde que, en 1978 -cando volvín a residir en Ferrol, despois de 10 anos composteláns-, me levou a ela o benquerido amigo Guillermo Llorca -aproveito a ocasión para lle dar publicamente os parabéns por esa ben merecida insignia de ouro da cidade, que a corporación municipal lle acaba de conceder-, á presentación de O lugar onde vou, libro de relatos de Vicente Araguas.
Ademais de por poder compartir un tempo con amigos benqueridos de vello -o Vicente desde os nosos 6 anos, que xa choveu-, fun ao acto porque me apetecía escoitar o que se dicía dun libro, que xa lin hai certo tempo, co que desfrutei -recomendo vivamente a súa lectura- e do que estiven pensando en facer unha reseña, malia que nunca fun moi dado a facelas por escrito. Dame certa preguiza poñerme a escribir -non a comentar falando, curiosamenente- sobre un libro calquera, porque estou a pensar constantemente no que debo poñer e en como debo poñelo para que non se me vexa ese plumeiro que eu, practicamente sempre, lle vexo ás recensións que leo, que son varias cada semana. Enténdase que me preocupa por min mesmo, non polo que poidan pensar os demais, xa que nunca tiven reparos nin medos para dicir o que penso dunha obra literaria e de practicamente calquera asunto.sobre a que poida opinar. E así me foi tantas veces. A sinceridade ten esas cousas.
Ao día seguinte, isto é, antonte, venres, achegueime á libraria coruñesa Alita comics para a presentación de Cinza, unha banda deseñada de Manel Cráneo baseada en A nosa cinza, a coñecida e exitosa novela de Xavier Alcalá, publicada por vez primeira, na editorial Follas Novas, en 1980, cunha portada na que aparece unha foto do autor do día en que fixo a primeira comuñón vestido de mariñeiro. É unha obra da que sempre gustei e por iso téñoa lido en diferentes edicións, mesmo, recentemente, na versión española. E agora en cómic, se ben neste caso o autor do guión e e do deseño é Cráneo, iso si, co asesoramento literario, como consta nos créditos, de Xavier Alcalá. Aínda que desde ben cativo fun devorador de tebeos: TBO, Pulgarcito ou Pumby, onde lía as historietas de Melitón Pérez, La Familia Ulises, Carpanta, Petra, criada para todo, Rompetechos, Las hermanas Gilda, Josechu, el vasco, La familia Cebolleta, Zipi y Zape, Mortadelo y Filemón ou La familia Trapisonda, da autoría de artistas como Castillo, Benejan, Muntañola, Escobar, Ibáñez ou Vázquez, aos poucos fun cambiando estas revistas por obras literarias sen deseño, o que non significa que, esporadicamente, non lese tamén cómics, ata hoxe. Non son forofo, mais non me desgustan. Gustei de Cinza e por iso non podo menos que recomendalo. Interesantes os debuxos da nosa cidade, tal como era nos anos da infancia e a adolescencia de Alcalá. Feliz ano.