A demografía e o futuro

Cando comecei a comprometerme coa acción política, a mediados da década dos anos sesenta do século pasado como emigrante na Arxentina, apostando pola xustiza social e a soberanía nacional, a cuestión de xénero non tiña a relevancia actual, aínda que a igualdade era un obxectivo na esquerda. Ali as escolas eran mixtas, e en gran parte das empresas nas que traballei, do sector industrial, o persoal feminino era maioritario, e nas organizacións estudantís e políticas que militei a porcentaxe de mulleres era considerábel. Mesmo así existía unha discriminación de xénero nas estruturas de poder e moito machismo. Tampouco tiña o releve actual a problemática ecolóxica, coido que non só polo grao de industrialización do momento senón porque a povoación era moito menor. E esta é hoxe unha cuestión esencial. 
 

Os habitantes no mundo no ano 1970 eran 3.696 millóns e hoxe son 8 mil millóns. Iso implica o dobre de contaminación, ao que temos que engadir o aumento de consumo en todo tipo de bens e servizos, pola mellora na calidade de vida dun estrato social. Polo tanto os avances que se dan en materia de enerxía limpa, sendo importantes, son comidos polo medre da povoación e o aumento da mobilidade de produtos e persoas (comercio, turismo...). Isto é algo que resulta evidente: entón porque non se lles trata como unha urxencia?... 
 

Sen dúbida é un problema ligado a un cambio de mentalidade, a comprender que o mundo ten límites, o que implica obxectivos demográficos, na mobilidade, nas metas económicas, no modelo laboral e nos comportamentos sociais... Porque a demografía, a mobilidade, o consumismo, está moi ligado ao reparto dos ingresos entre países e entre clases sociais, ou sexa, á renda das familias e aos hábitos culturais. Non é casual que os maior crecemento da povoación se dea en países e clases sociais con baixos ingresos, con estudos básicos, e cunha dependencia moi forte de comportamentos e crenzas que responden nalgúns aspectos a outros momentos históricos. 
 

No polo oposto está o avellentamento e regresión demográfica estrema (como é o caso da Galiza). Aínda que semellan problemas e obxectivos contraditorios, mais son consecuencia dunha globalización neoliberal que adxudica roles a cada país. Un sistema que aposta pola desigualdade, que non pode evitar a desfeita ecolóxica, que só trata de gañar tempo, e que mesmo aproveita a gravidade da conxuntura para aumentar a explotación e opresión. Cómpren máis avances tecnolóxicos,... e sobre todo un cambio radical do sistema e dos hábitos culturais e sociais.

A demografía e o futuro

Te puede interesar