A degradación da atención primaria

Os galegos e galegas que no ano 2009 acudían ao seu médico de cabeceira recibían atención no día, presencial, por suposto, e eficaz. Malia as promesas de reforzos, sobre todo despois dos estragos da pandemia, o certo é que hoxe en día os pacientes teñen que agardar días ou mesmo semanas para ver ao seu médico.


Si o conseguen ver, porque en moitos casos séguese a prestar atención telefónica aos usuarios do sistema público de saúde. O que mudou desde entón é sinxelo de entender: no ano 2009 había 9.610 profesionais traballando en atención primaria, e no ano 2022 son 8.634, é dicir, 976 menos. Mudou outra cousa: no ano 2009 a Xunta tiña un presidente socialista.


No fondo xace unha forma distinta de entender a política. Para os socialistas a atención primaria é unha prioridade, como temos demostrado xa, acabando 13 anos atrás con aqueles contratos por días que abondaban na inestabilidade laboral do sector. Despois da pandemia os distintos gobernos autonómicos insistiron na necesidade de reforzar os seus sistemas sanitarios. É ben certo que 11 o fixeron, porque esa é a cifra de comunidades nas que os orzamentos deste ano reflicten unha maior contía para a atención primaria que o ano pasado.


En Galicia, non. Entre 2021 e 2022 o orzamento para atención primaria en Galicia baixou un 1,9%. A situación resulta especialmente preocupante polo feito de que o Goberno de España transferiu importantes cantidades ás comunidades autónomas para o reforzo dos seus sistemas sanitarios.


Moitas cumpriron dito obxectivo, mais o Goberno galego optou por outra cousa. O empeoramento da atención primaria en Galicia non é algo opinable, senón medible.


Con case un milleiro de profesionais menos que hai 13 anos resulta imposible prestar un mellor servizo. Quen goberna é libre, loxicamente, de establecer as prioridades que considere.


Por desgraza, a atención primaria non é unha prioridade para o PP, por moito que pretendan agochalo.


A atención primaria merece outro trato, porque o que recibe actualmente parece formar parte dunha estratexia ben definida de desmantelamento do sistema público.


Sen un sistema sanitario público forte e capaz, milleiros de cidadáns quedan polo camiño. Non é tolerable o que está a acontecer en Galicia, por moito que algúns tenten maquillalo.

A degradación da atención primaria

Te puede interesar