Derradeiro mes do 2022, un ano para esquecer, con toda sorte de calamidades, como case todos, pero cun agravante engadido que é a guerra de Ucraína que xa leva mais de dez meses, contados dende o mes de marzo, con un saldo de miles de mortos en un e outro bando, o que non parece importarlle moito a ninguén. Semella que a vida dos seres humanos ten cada vez menos valor.
O próximo ano herdaremos o medo latente a unha terceira guerra mundial. Rusia, EEUU, China, Urania e a OTAN parece que están a xogar coa posibilidade dunha confrontación que custaría millóns de mortos, fame e desgracias sen conto no mundo enteiro. Unha migalla de sentido común por favor, é o menos que se pode pedir a uns e outros. Oito mil millóns de homes, mulleres e nenos están expostos a loucura duns cantos desnortados. ¡Que Deus nos colla confesados!
No noso pais, máis do mesmo, un goberno que non acaba de convencer e unha oposición que só pensa en gobernar, nun quítate ti para poñerme eu, que non conduce a ningures, e por riba, faltos de ideas para solucionar os graves problemas que nos atinxen. A sempiterna división en esquerdas e dereitas que nos ten fartos e aburridos.
Persoalmente, cumprindo anos que pesan cada vez máis, sempre preocupado pola situación mundial, a nacional e polo futuro das netas e demais familia. Este mundo que estamos a vivir, a pesares dos adiantos, non vai a mellor. Xa fixo catro anos que faleceu a miña muller, dende entón vivo só na nosa casa que a miúdo caéseme enriba. A soidade e o dia a dia son moi duros e non doados de aturar. Menos mal que conto coa axuda de fillas e irmás ás que dou as grazas dende estas liñas. Un recordo apaixonado para Eva e mesmo para pais e irmáns sempre presentes, todos no meu pensamento e no meu corazón.
De calquera xeito, non queda outra que seguir tirando pra diante coa esperanza, a derradeira cousa que saíu da caixa de Pandora, de que mellore a situación. A tódolos niveis, mundial, nacional e persoal.
Remato co tópico do Nadal, Felices Pascuas e próspero Ano 2023 e sobre todo moita paciencia e sentido común, ese que disque é o menos común dos sentidos.
Unha forte aperta para todos.