Das luces do Nadal

Pasaron os días do Nadal. Marcha sempre a maior velocidade da que chega, coma se tivera presa ou o agardaran en algures. E unha vez máis, e a pesar de todos os pesares, avatares, contaxios e circunstancias, foi quen de facernos felices. O Nadal ten casa aberta permanente nalgún curruncho de nós; preservado entre a memoria ordenada das vivencias e as cousas que importan, aquelas que nunca serán materia de esquecemento. Transcende do ideolóxico, do relixioso e incluso do político, e ten unha presencia horizontal que enlaza e relaciona mil aspectos da vida cotiá destas semanas de celebracións e reconciliacións. Volvemos a reunirnos, a lembrar tempos antigos e a persoas que fixeron que os nosos camiños, foran moito máis doados que aqueles polos que eles tiveron que transitar. A vida sucede moitas veces a pesar de nós mesmos, e un nunca sabe ben se lles agradecemos o bastante tanta dedicación e tanto esforzo. Pasaron escasas horas e retornamos á rutina dos enfrontamentos, da manipulación da realidade, e á enxeñería premeditada da comunicación para fabricar tensións e bulos. O conflito da carne, sempre interesado; as esaxeradas guerras de posición para sacar vantaxe, porque xa hai eleccións convocadas; as paranoias obsesivas de Trump que, un ano despois, continúa no mesmo suma e segue. Sempre se vive mellor no Nadal.


Parecera que os bos desexos formaran unha capa de invisibilidade, que eliminara os problemas e os comportamentos mesquiños. Pero todo ten o seu tempo e a actualidade acaba por abrirse paso. Quedémonos co das luces do Nadal. Pero non con aquelas que iluminan as cidades, senón coa positividade das que fan nacer en nós as mellores virtudes. As luces somos nós. O demais, unicamente pompa e circunstancia.


Definimos a intimidade do que existe –dixo El– o devalar moderado de doela ata arco. Amplitude de tenrura que permanece na curva silenciosa dunha bóveda...

Das luces do Nadal

Te puede interesar